Ourense queda sen Enxeñaría Física após prometela a Universidade e a Xunta

[Imaxe Plataforma Pro-campus]

A implantación do título estaba prevista para o curso 2014-2015 mais a Universidade de Vigo di que "non é factíbel" embora prometeren a súa creación xunto coa Xunta. 

 

Cinco anos leva o campus de Ourense agardando polo Grao de Enxeñaría Física. Desde 2009, cando a implantación do Espazo Europeo de Ensino Superior ou Plan Boloña, deu por finiquitada a licenciatura, sendo substituída polo Grao de Ciencias Medioambientais. 

Desde aquel momento, a Plataforma Pro-campus encetou unha campaña para a creación do Grao de Enxeñaría Física após o Tribunal Superior de Xustina anulara "todos os acordos" en relación ao fechamento da carreira. 

En cumprimento desa sentenza iniciáronse os traballos para constituír o Grao de Enxeñaría Química. Unha titulación que actualmente só está implantada na Universidade Politécnica de Catalunya. 

Segundo a Plataforma Pro-Campus, que Galiza puider contar con estes estudos sería “un concepto moi novidoso” e un proxecto “estratéxico” que permitiría xerar un perfil profesional na materia. 

Así as cousas, e embora estaren inicialmente de acordo coa implantación do Grao tanto a Universidade de Vigo como a propia Xunta de Galiza, o certo é que a día de hoxe non foi creado. Neste senso, o goberno galego asegura que “por problemas técnicos non foi posíbel” a súa constitución no curso 2014-2015, cando previsibelmente ía ser.

Falta de autonomía na Universidade

Logo de se pronunciar a Xunta, desde a Universidade de Vigo tamén afirman que a titulación non se implantará cando menos, até 2016 pois, din, "non é factíbel" facelo no vindeiro curso "debido ao calendario actual". 

Desde a Plataforma Pro-Campus tildan a actitude da UdeVigo como "unha decisión política da Consellaría asumida polo reitor" quen está a renunciar, segundo o colectivo, á titulación. Ao tempo, que rexeita a forte demanda social deste Grao universitario. E é que ao longo do último ano a Plataforma recompilou numerosos apoios. 

Así, o 26 de xuño presentaron á Xunta as 11.200 sinaturas recollidas a favor da titulación no que tildaron como “clamor inmenso”, en verbas de Etelvino Blanco, integrante da Plataforma. Entre as persoas e entidades asinantes atópanse 400 científic@s –3 premios Nobel, máis de 180 empresas de toda Galiza, o Concello de Ourense e a Deputación Provincial, a Cámara de Comercio, e a CEO, asociacións veciñais, estudantís e Anpas. 

Para @s voceir@s de Pro-Campus a decisión adoptada desde a Reitoría da Universidade de Vigo reflicte que o principio de autonomía universitaria "é un mito" pois, afirman, "a Universidade muda de postura porque así o ditou a Xunta", embora, lembran, ter amosado o seu apoio á implantación de Enxeñaría Física con anterioridade.