De ósos de santo a bolos de vento

[Imaxe: CC] Ósos de santo no expositor dunha confeitaría galega

Do Celta ou do Dépor, de subir ou de baixar, de Defuntos ou de Samaín, de óso de santo ou de bolo de vento... Dise que o galego é unha dicotomía en si mesmo, e no referente ao xeito de vivir -e de degustar- o Día dos Mortos e a noite da súa véspera non ía ser menos.

Resulta paradoxal falar da secularización do Día de Defuntos, pero así está a acontecer cunha festa cuxas orixes remiten ás persecucións sufridas polos pola igrexa primitiva en tempos do emperador Diocleciano.

Exportada ao resto do mundo cristián e implantada a sangue e lume no imaxinario colectivo, aquelas imaxes da sobria Galiza das viúvas ataviadas co loito e dos cemiterios convertidos nunha insua primaveral chea de vida grazas á cor dos cravos, as rosas e os centros en pleno outono comezan a configurar un presente que adquire ton de pasado a medida que pasan os anos.

A relevancia desa data, que aínda hoxe supón arredor de 15 por cento da facturación anual do sector das florerías, dilúese progresivamente para toda unha xeración de galegas -das Millenials ás Z-, que poñen o foco na véspera de Defuntos: a noite de Samaín.

Tradición con orixes na Galiza pre-cristiá e raíces comúns nos países celtas, as galegas e os galegos souberon aproveitarse do pulo da enésima invasión dun produto cultural do imperio ianqui para recuperar unha festividade severamente prohibida pola igrexa e o franquismo.

Ósos de santo, de tributo aos mártires cristiás a lambetada da rapazada

A situación actual entre o Samaín e Defuntos é de convivencia harmónica -quizais cun punto de diglosia-, con moito en común entre eles alén do evidente do culto pola morte, destacando especialmente o eido gastronómico.

Nin a atea máis recalcitrante nin a máis fervente fiel ao Samaín evitan a tentación de mercar, ou de elaborar xuntas na casa co resto da familia, os doces típicos desta época, en especial os bolos de vento e os ósos de santo.

Este doce de mazapán -que pola súa semellanza a un óso co seu miolo encaixa á perfección coa volta de torca vivida pola festividade de Defuntos- ten cor branca, forma de tubo e está recheo de xema na súa forma máis tradicional.

Porén, Xosé Santos, reposteiro retirado con máis de 30 anos de experiencia elaborando doces en confeitarías da Coruña, Ferrol ou Compostela, explica para Sermos Galiza que esta sobremesa tradicional galega “xa non é o que era”. “Hai moito que o recheo máis demandado é o de chocolate”, engade.

Santos relata que o segredo do éxito deste doce “tan laborioso” está nunha “perfecta mestura” entre os ovos, as améndoas e o azucre para elaborar a pasta de mazapán, debendo ter “máis porcentaxe de améndoa que de azucre” para que resulte máis apetecíbel, estando o “truco” para atraer a novas xeracións de consumidores na tintura do óso do santo de vivas cores laranxas, negras ou moradas.

Bolos de Vento, os favoritos das crianzas se están recheos

O outro rei das sobremesas das paparotadas de Defuntos é o bolo de vento, por diante doutros doces tamén moi populares como a torta de castañas ou os importados panellets, propios dos Països Catalans e dispoñíbeis en distintos sabores como coco, chocolate, café, laranxa, limón ou marmelo.

Os bolos de vento están realizados con fariña, auga, azucre, canela, ovos, manteiga, lévedo, sal e a pel dun limón. Unha vez feita a masa frítense en aceite a temperatura media, para que non se queimen. Durante ese proceso poden chegar a dobrar o seu volume, e os máis ousados “énchenos con chocolate, crema, nata ou marmelada de froitas, que é como máis lle gustan aos cativos”, apunta o reposteiro Xosé Santos, que conclúe sinalando que “o novo mundo que a recuperación de festas como o Samaín” abre ante as novas e os novos profesionais da repostaría faille desbotar outro mito, neste caso o de que “calquera tempo pasado foi mellor”.