PREMIOS AO MELLOR E PEOR AMBIENTALMENTE DO ANO

Osíxeno para as Brigadas Deseucaliptizadoras e Dioxina para a Dirección Xeral de Industria

Adega subliña, con estes premios que fan xa 18 edicións, o mellor e peor do ano ambientalmente. A bióloga e escritora Adela Figueroa recibirá un premio Osíxeno de Honra.

Adega, máis un ano, entrega os seus premios Osíxeno e Dioxina, uns galardóns cos que subliña as que considera ás mellores e peores actuacións ambientais do ano, neste caso de 2018.

 

Así, o premio Osíxeno 2018 en categoría individual é para Paloma Fernández, voceira da Coordenadora Anti-Encoro do Umia, por representar “a vontade irrenunciábel dunha veciñanza de recuperar o seu río, nunha loita que abrangue xa 25 anos e continúa na actualidade”. Na categoría colectiva, o Osíxeno 2018 recae nas Brigadas Deseucaliptizadoras, colectivo que abrangue ecoloxistas e veciñanza comuneira, “pola seu compromiso coa sustentabilidade dos nosos montes fronte á ditadura do eucalipto, efeitivizado mediante a intervención directa”.

 

O Premio Dioxina 2018, categoría individual é para o profesor da USC e catedrático de Edafoloxía Felipe Macías,  “polo seu apoio (un máis) a proxectos tan delirantes e agresivos como a Mina de Touro-O Pino”. No apartado de Dioxina colectiva, este vai para a Dirección Xeral de Industria da Xunta, “por terse constituído, con leis como a de Depredación e coa súa entrega ao lobby da minaría contaminante, nunha das principais ameazas para o ambiente e a saúde da cidadanía”

 

Concedido para subliñar unha traxectoria vital en defensa do ambiente e do patrimonio do país. Desta volta o premio Osíxeno de Honra recoñece o traballo e o compromiso coa natureza e a cultura de Galiza de Adela Figueroa, bióloga, escritora, histórica ecoloxista, fundadora e ex-presidenta de Adega.

 

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro domingo 31 de marzo nas dependencias do Centro Social do Mar de Bueu.