Os tesouros naturais de Mazaricos, ameazados por un proxecto eólico

A Carballeira de Anllares é unha xoia natural enclavada na marxe esquerda do Xallas. Un bosque atlántico case único, dos que poucos fican xa no continente. Está hoxe no punto de mira dun proxecto eólico que non só afecta ecosistemas privilexiados do país, senón que tamén é visto como unha ameaza, no seu deseño actual, polo veciñanza e polo concello de Mazaricos.

 

Eurus Desarollo Renovables ten o proxecto de instalar un parque eólico, A Ruña 2, nun espazo natural de enorme beleza, cunha vexetación e fauna salvaxe propias dos bosques atlánticos, con vistas espectaculares a se debruzaren sobre a Costa da Morte. Un dos muíños programados colocaríase nas inmediacións da devesa do Anllares, o berce dunha carballeira singular. A empresa quere levar adiante os seus planos nunhas condicións que contan coa oposición dunha veciñanza á que en primeira instancia ofrecían apenas 9.000 euros por aeroxenerador [a última oferta alcanzaba os 12 mil], "unha cifra que fica moi por baixo dos convenios que se están a asinar noutros concellos", dille a Sermos unha portavoz do goberno municipal de Mazaricos. Para o executivo local que dirixe Juan José Blanco Riveiro (BNG), o prezo xusto sería non menos de 15.000 euros por muíño.

De acordo co persoal técnico consultado polo concello, o proxecto prevé a instalación de aeroxeneradores a unha distancia das casas das e dos veciños que se sitúa á beira dos 500 metros, o mínimo legal estabelecido. "Se se vai medir realmente, veremos que algún dos viraventos aínda están máis perto, coa conseguinte contaminación acústica", denuncian desde o goberno municipal.

Empresa e concello levan tres anos a negociar o proxecto, mais desde o executivo local se entende que Eurus Desarrollo Renovables xoga coas cartas marcadas. E que ten un colaborador necesario, un cómplice. A Xunta de Galiza. "Están a ameazar con expropiacións se as veciñas non aceptan un prezo a todas luces inxusto. Desde o concello non o imos tolerar", afirman.

A defensa legal da veciñanza fronte á empresa vai ser asumida polas arcas municipais. "As veciñas non teñen os medios para enfrentarse a un pleito desta envergadura", din. A factura anda xa polos 20.000 euros.

"Están ameazando con expropiacións se as veciñas non aceptan un prezo a todas luces inxusto. Desde o concello non o imos tolerar", afirman desde o goberno municipal

Non acaba aquí o asunto. O goberno local ten outra frente, directamente coa Xunta. En 2018 a Administración autonómica recadou en conceito de canon eólico 700.750 euros, un diñeiro que ingresa polos 123,5 aeroxeneradores instalados en Mazaricos. Ese monto vai directamente a engrosar o Fondo de Compensación Ambiental. Pois ben, desa cantidade o concello só recibiu 200.245 euros. A lei prescribe que no mínimo tería de ser 350 mil (50% do total liquidado). A Xunta tería portanto contraída unha débeda coa corporación presidida por Blanco Riveiro de por volta de 150 mil euros, unha cantidade nada desprezábel para un municipio de pouco máis de 4.000 habitantes.

Mais o concello non se conforma tan só con que se salde esa débeda e, así, o goberno local dirixiu unha petición á Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en que reclama que o 100% do Fondo de Compensación Ambiental se destine á "reparación do impacto causado no entorno inmediato". Isto é, revirta integramente en Mazaricos.