Os recortes nas universidades galegas preocupan os reitores

As contas non lles saen aos responsábeis das tres universidades galegas. Cultura asegúralles que son as que acordaron eles dentro do plan de financiamento e lémbralles que "eles son parte da administración pública".

 

As tres universidades galegas non saen ben paradas nas contas para o 2013 presentadas polo goberno galego hai uns días. Os recortes afectarán tamén ao ensino superior e algún dos responsábeis universitarios xa sinalaron o seu descontento. É o caso de Xosé Luís Armesto, reitor da UDC, que apunta que hai 20 millóns que non aparecen nos fondos estruturais do plan de financiamento polo que este ano terán problemas para pagar moitas facturas. Os tres reitores contan coa redución nun 5% nas nóminas do persoal mais consideran que este recorte "a maiores" dificultaría o funcionamento da propia institución.

Alarmados por estes números as tres universidades galegas solicitaron unha entrevista urxente con Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para aclarar esta situación.

Educación asegura que foi o acordado

"Eles son parte da administración pública e teñen que asumir a variación como o resto da administración". O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria respondeu así de contundente aos medios de comunicación que lle preguntamos en San Caetano sobre este tema. "Non estou de acordo con esas declaracións do reitor da UDC, a minorización de 20 millóns de euros foi asinada polas tres universidades".

Segundo Vázquez esta cantidade variará se o número de matrículas é maior ou menor ademais de pasar a outros fondos "que dependerán da calidade dos seus resultados ou á excelencia".