Que son os premios 'Lingua de Namorar' da Xunta? Promoven o mito do amor romántico?

Entrega dos premios 'Lingua de Namorar' da Xunt (Foto: Xunta da Galiza).
O certame en liña impulsado pola Xunta que promove a creación de mensaxes de amor en galego entre os mozos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, participaron no acto de entrega dos premios aos gañadores da duodécima edición de 'Lingua de Namorar', o certame en liña impulsado pola Xunta que promove a creación de mensaxes de amor en galego entre os mozos.

Un certame que, segundo criticaron persoas usuarias das redes sociais, promove o mito do amor romántico e unhas relacións baseadas nunha visión tóxica do namoramento.

Algo que se fai aínda máis grave, indican, cando unha das categoría do concurso vai destinada a menores de idade.

Versión da Xunta

Non obstante, a representante da Consellería de Política Social destacou que esta nova edición de 'Lingua de Namorar' puxo de manifesto, unha vez máis, "que Galiza ten unha mocidade talentosa e creativa".

Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos), recolleu o seu galardón a pantonesa Carla López Otero. Non puideron asistir para recoller o segundo e o primeiro premio, respectivamente, o coruñés Santiago Sánchez Vilarino, galardoado pola mensaxe 'Distancia', e a ourensá Alba Guzmán, premiada pola súa mensaxe 'Chover ten que chover'.

Na categoría B (de 20 a 35 anos) recibiron os seus galardóns a lalinense Eva González Blanco, primeiro premio pola mensaxe 'Áncora'; Clara Pérez Martínez, da Bola, segundo premio pola composición 'Morriñada', e Andrea López Otero, de Pantón, terceiro premio polo poema 'Entre as cinzas'.

Na modalidade de Instagram, que abarca dos 14 aos 35 anos, a mensaxe mellor valorada na rede social entre os seis preseleccionados polo xurado foi '#Aartedoboquerer', da ourensá Iria Cebreiros Trigo.