As organizacións colexiais de enfermaría denuncian 'irregularidades' na implantación do sistema XIDE na Atención Primaria

Un enfermeiro prepara unha vacina nun centro de Atención Primaria de Ourense
Declaran que un proxecto "que orixinariamente representaba unha gran oportunidade para mellorar este nivel asistencial", ematou sendo "un novo agravio do conselleiro de Sanidade, D. Julio García Comesaña, á profesión".

As organizacións colexiais de enfermaría das catro provincias galegas, xunto con AGEFEC (Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria), veñen de facer público un comunicado a respecto da implantación do sistema XIDE na Atención Primaria galega, no que anuncian que, ao longo das últimas semanas, lle manifestaron á consellaría de Sanidade e ao seu titular, D. Julio García Comesaña, a súa preocupación “tras detectar irregularidades na pilotaxe do sistema XIDE do Sergas para a Atención Primaria, con graves consecuencias para a profesión enfermeira” mais tamén, din, “para os nosos pacientes e a poboación galega en xeral”.

O sistema XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) é a nova proposta da consellería de Sanidade para a ordenación da demanda nos centros de Atención Primaria. Un proxecto que, segundo as entidades que asinan o comunicado “orixinariamente representaba unha gran oportunidade para mellorar este nivel asistencial, pero finalmente rematou sendo un novo agravio do conselleiro de Sanidade, D. Julio García Comesaña, á nosa profesión”.

Este proxecto tiña por meta ordenar a demanda e derivar así aos pacientes aos profesionais máis axeitados e nos tempos aconsellados. Deste xeito, tamén se dispoñía que o XIDE tivese dúas fases piloto antes da súa implantación, pero, di o comunicado, “finalmente só se fixo unha, levada a cabo nos centros de saúde de Culleredo (A Coruña) e Illas Canarias (Lugo)”.

 

As entidades asinantes acrecentan que “a cuestión se agrava cando observamos que estes dous centros se atopan en núcleos urbanos e non representan a heteroxeneidade da nosa Atención Primaria

 

As entidades asinantes acrecentan que “a cuestión se agrava cando observamos que estes dous centros se atopan en núcleos urbanos e non representan a heteroxeneidade da nosa Atención Primaria; Ourense, por exemplo, conta con máis de trinta centros unitarios en contornas rurais cuxa realidade dista moito daquela que presentan os pilotados”.

Un dos principais obxectivos do XIDE era optimizar as competencias de cada profesional á hora de dar resposta ás demandas da poboación pero, segundo as persoas profesionais da enfermaría, “moitos dos problemas de consulta que as enfermeiras poden resolver como finalistas carecen de protocolos nos que se unifiquen os criterios de atención e derivación a outros profesional ou nivel asistencial, ante casos moi heteroxéneos”.

Nas reunións celebradas polo Consello Técnico de Atención Primaria no transcurso do desenvolvemento do plan as entidades asinantes trasladaron as súas inquedanzas e, segundo explican “mantivemos, como sempre temos feito, o noso ofrecemento para traballar de forma conxunta e tentar así atopar solucións acordes aos intereses de todas as partes antes de seguir adiante co XIDE. Lamentabelmente, a resposta que recibimos esta semana por parte da Consellaría e do seu titular foi implantar este defectuoso programa nos centros de saúde de As Pontes e Pontedeume, na área sanitaria de Ferrol”.

O comunicado remata dicindo que “os colexios profesionais e asociacións de enfermaría non podemos quedar calados ante esta irresponsabilidade, pois a nosa función é protexer ás enfermeiras e garantirlles unhas condicións de traballo dignas, como tamén o é defender sempre a seguridade de todos os cidadáns”.