ECOLOXISMO

Os 'cadáveres exquisitos' da Galiza, nun mapa

A Rede de Dereitos Sociais e Galiza non se Vende fan público o Mapa crítico 2012, un traballo colaborativo ''de denuncia da destrución do país'' que mostra aqueles lugares sinalados ''por infinidade de colectivos'' que se opoñen a un modelo de explotación capitalista do noso territorio

A Rede de Dereitos Sociais e a plataforma Galiza non se Vende acaban de sacar á luz o Mapa crítico Galiza 2012, un traballo colaborativo "de denuncia e oposición á destrución do país" que, a través dunha completa infografía, amosa aqueles lugares afectados pola deforestación, as verteduras, a construción dun encoro, un parque eólico, a especulación urbanística, os asentamentos precarios, zonas de monocultivo ou plantacións de cultivos transxénicos.

Segundo explican os colectivos que o elaboraron, o mapa pretende ser "unha sintética plasmación gráfica" das agresións e conflitos relacionados co medio e que foron "sinalados e problematizados politicamente por infinidade de colectivos sociais do país" que se opoñen a un modelo de explotación capitalista do territorio nacional. Así, a cartografía recolle algúns dos elementos centrais na loita pola defensa "do que é de toda a cidadanía, do Procomún: esa constelación de recursos que debe ser activamente protexida e xestionada na busca de manter o ben común".

O mapa está dedicado "a todas aquelas persoas anónimas que, combativas e rebeldes, poñen o corazón e a cabeza na defensa de este pais. A todas, pero en especial a unha: Xosé Reigosa, un galego bó e xeneroso, un imprescindíbel". Reigosa, fundador membro de SOS Groba, A ría non se vende e Galiza non se vende, faleceu a finais de febreiro deste ano.