Os bombeiros da Coruña din no twitter que agardan non seren expedientados por impedir o despexo

Bombeiros na Coruña
"Orgullosos dos nosos compañeiros polo acto de valentía de hoxe". Os bombeiros da Coruña abren conta en Twitter e falan de como se senten e da posibilidade ou non dunha sanción. Desde Catalunya os sindicatos de bombeiros anuncian que seguirán o seu exemplo. STOP Desafiuzamentos agradece nun comunicado "a súa actitude solidaria".

 

Unha parte importante do protagonismo na acción fracasada de despexo de Aureli foi a negativa dun bombeiro coruñés a abrir a porta da vivenda, tal e como lle indicaba a policia. Negouse, colleu un dos cartaces de Stop Desafiuzamentos e pendurouno no camión.

Os bombeiros da Coruña en twitter

Coincidindo co caso do intento de despexo de Aurelia, os Bombeiros da Coruña abriron unha conta en twitter. No seu primeiro chío, realizado o 18 de febreiro, sinalan que están "ORGULLOSOS dos nosos compañeiros x o acto de valentía de hoxe, ao negarse a participar nun desafiuzamento". Ao día seguinte informan a través desta rede social que "en principio non expedientarán aos compañeiros q se negaron a participar no desafiuzamento Agora hai q agardar á identif. xudicial".

Após estas primeiras mensaxes agradecen "a tod@s x o apoio q estamos recibindo. Sodes moitos para facelo individualmente :-)". En relación á negativa a participar no despexo din que están "agardando q hai de certo da denuncia da policía nacional. Xa informaremos".

Apoio desde Catalunya

Os sindicatos de Bombeiros da Generalitat expresaron o seu apoio á acción dos bombeiros da Coruña, a negativa a intervir no desafiuzamento de Aurelia, e anunciaron que tamén se negarán a participar en máis despexos en Catalunya.

Nun comunicado anunciaron que tod@s @s representantes sindicais do corpo de bombeiros acordaron que "só realizarán a apertura de vivendas en casos de emerxencia, como marca a lei,". No caso de ser requiridos para procesos xudiciais similares ao da Coruña, os bombeiros cataláns anunciaron que actuarán do mesmo xeito "recordando que é ao cidadán" ao que serven.

STOP Desafiuzamentos agradece a actuación dos bombeiros

"A actitude solidaria e valente dos nosos amigos e xa compañeiros bombeiros será imitada: non pode ser doutro xeito". A Plataforma STOP Desafiuzamentos agradeceu a negativa dos bombeiros da Coruña de non participar no despexo cun comunicado que leron diante mesmo da casa de Aurelia. Nel sinalan que "con xente coma vós, os bombeiros da Coruña, o esforzo do noso traballo na rúa vese recompensado".

Comunicado íntegro:

"En días como o de hoxe a impotencia fronte a inxustiza move as conciencias da xente. Onte saíu a cidade á rúa a dicirlle ao conxunto dos poderes que os goberna que botar unha octoxenaria da súa casa polo retraso de dúas mensualidades do aluguer non é xusto, aínda que o dictamine a lei.
Onte case todo o público, o que se paga cos nosos impostos, fallounos e situouse en contra da cidadanía. E dicimos case todo o público porque nos fallaron a xustiza, a delegación de goberno, a policía e os servizos municipais. Mais houbo unha excepción: o, para nos, admirábel corpo de bombeiros da cidade, concretamente as súas bases, os que sempre obedecen, pero esta vez decidiron non facer caso e dixeron NON, NON participamos nunha decisión tan inxusta. Non colaboraremos co desafiuzamento de Aurelia.
A actitude solidaria e valente dos nosos amigos e xa compañeiros bombeiros será imitada: non pode ser doutro xeito.
Somos os peóns do poder e a súa forza depende da nosa colaboración. O de onte non so foi un xesto, é unha pequena fenda no muro co que o poder, cos seus abusos, coarta a liberdade e os dereitos da cidadanía. Con xente coma vós, os bombeiros da Coruña, o esforzo do noso traballo na rúa vese recompensado.
É por iso que, desde o conxunto da cidadanía que integra o grupo de Stop Desafiuzamentos aplaudimos o voso comportamento e comprometémonos coas súas consecuencias. Non vos sancionarán. Non o permitiremos e menos despois do esperpéntico espectáculo que vivimos onte, onde so vós mantivestes o tipo e situástevos co pobo.
Estaremos pendentes das medidas que puidesen adoptarse en represalia e, dende as rúas, pararémolas como estamos detendo o desafiuzamento de Aurelia.
Recibide unha fonda aperta chea de aprezo e admiración de todas as voluntarias e os voluntarios do 15M e demáis colectivos cidadáns.

Todas e todos xuntos podemos"