Os bispos queren inculcar "o matrimonio tradicional" nas escolas

A Conferencia Episcopal non partilla a resolución do Constitucional sobre unións entre persoas do mesmo sexo e está disposta a se facer ouvir "nas parroquias e nos colexios". Canda o Foro de la Familia revólvese até contra o PP, exixindo que bote embaixo a norma aprobada en 2005 "aínda que sexa formalmente constitucional" ao considerar que non garante que as nenas e os nenos vaian ser educad@s "como esposas e esposos do futuro"

 

A resolución do Tribunal Constitucional en que arroupa baixo a acepción de 'matrimonio' tamén a unión entre dúas persoas do mesmo sexo non contentou á Igrexa católica. Na súa asemblea número 100, a Conferencia episcopal voulveu amosar a súa frontal oposición. Sinalou o arcebispo de Madrid e presidente da organización dos bispos, Antonio María Rouco Varela, que arestora é "máis urxente que nunca" formar nos valores da familia tradicional "nas parroquias e nos colexios".

Con esta declaración de intencións, a Conferencia episcopal fixo pública a súa idea de tornar en púlpitos tamén os centros de ensino para adoutrinar as crianzas ao redor da idea de que considerar 'matrimonio' a unión de dúas mulleres ou de dous homes "é gravemente inxusto porque non recoñece netamente a institución", para alén de remarcar os roles de xénero ao subliñar, en palabras de Rouco Varela, que a nova lexislación "non garante o dereito dos nenos e dos mozos a seren educados como esposos e esposas do futuro".

Recoñece Rouco que non lles toca aos bispos "pronunciarse sobre a pertinencia xurídica dos actos dos tribunais". Porén, pronunciáronse e xustificaron tal proceder "no deberde axudar á distinción necesaria acerca dunha lei que condiciona o futuro do pobo".

A Conferencia Episcopal súmase así ao Foro de la Familia, colectivo de orientación ultradereitista española que anunciou a presentación dunha ILP en que instará o Goberno español a "restabelecer o matrimonio tradicional". Din que o Constitucional "non ten competencia para sinalar como deben ser as leis" e cualifican a sentencia como unha "profunda falta de respecto intelectual para os que votaron a Constitución española", modificando a Carta Magna "para acomodala á ideoloxía momentánea".

Sabedor@s da palabra dada por Gallardón de non derrogar a lei aprobada polo PSOE en 2005 se esta era avalada polo TC, a Conferencia Episcopal e o Foro de la Familia encáranse tamén co PP e presionan para que a norma sexa botada embaixo "aínda que sexa formalmente constitucional", e reprochánlle á formación conservadora a "mudanza de criterio en tan pouco tempo e sen unha explicación pública".