Os Orzamentos de Rajoy recortan nun 36% a partida destinada a servizos sociais

O Colexio oficial de traballo social de Galiza critica as contas do Goberno español, que cualifica de "indignas" por se cebaren, máis unha vez, coas persoas dependentes.


"Indignos" e "unha falta de respecto". Así cualificou os Orzamentos xerais do Estado a presidenta do Colexio oficial de traballo social de Galiza, Diana Parada Alvedro, após comprobar como as contas do Goberno español "desmantelan o sistema de servizos sociais" ao reducir nun 36% o orzamento. Baixa dos 2.848 a 1.809 millóns de euros. 

Máis unha vez, a lei de dependenza volve asumir o peso dos recortes, un feito que o colectivo de traballador@s sociais interpreta como "unha mostra de que o Goberno español non prevé que entren novos dependentes no sistema", pois mantén os 1.087 millóns destinados ao nivel mínimo, a suma da cantidade que Madrid paga aos territorios por cada persoa dependente.

Porén, cómpre ter en conta que hai xa 201.729 persoas cunha axuda concedida que non a están a cobrar, polo que, ao entender do Colexio oficial, "resulta incomprensíbel que se manteña a mesma cantidade". Diana Parada quéixase tamén da redución na partida destinada á Galiza, sinalando que "moitas persoas van morrer antes de recibir unha axuda".

Así mesmo, para a presidenta do COTSG resulta "rechamante" que o Goberno español incremente en 2 millóns de euros, até os 32, a partida destinada á Rede básica de servizos sociais, pois o mesmo Executivo mostrou a súa vontade de a eliminar e porque tal orzamento é "manifestamente insuficiente", pois hai tres anos a Renda básica contaba cun montante de 90 millóns. Aliás, enfatiza Diana Parada que "o mantemento da Rede periga" coa reforma da Administración local, que se atopa en tramitación parlamentaria.