Orzamentos para un combate real contra a violencia machista

Imaxe: PFG

Concentracións en cidades e vilas de Galiza exixen un compromiso orzamentario, 120 millóns de euros.

O 19 de xuño foi a data fixada para visibilizar unha demanda clara e concreta: 120 millóns de euros para o pacto de estado pola igualdade e contra a violencia machista. Diferentes cidades e vilas de Galiza, desde Compostela a O Grove, de A Coruña a Vilagarcía ou Ames, acolleron concentracións e accións ao longo de toda esta segunda feira para exixir ese compromiso orzamentario. Unha acción de ·#Alertafeminista que tamén se desenvolveu nos outros territorios do Estado español.

 

Desde a Plataforma Feminista Galega, unha das entidades impulsoras desta iniciativa, indican que están “fartas de minutos de silencio, condenas virtuais e discursos que cada vez parecen máis hipócritas. Asfixiadas pola impotencia ante o continuo goteo de asasinatos de mulleres e criaturas. Mortes anunciadas que ninguén quixo evitar. Indignadas ante un Pacto de Estado que nacerá morto se non hai fondos para o seu desenvolvemento e aplicación”.

 

Ao longo desta segunda feira tiveron lugar diferentes actos. Houbo concentracións, debates, presentacións de libros, recepcións nalgúns concellos, perfomances, contacontos... Un abano de actividades para poñer voz e imaxe á petición dun compromiso real para combater a violencia machista.