O orzamento do ensino concertado creceu 22% durante os gobernos do PP

O Goberno galego destina hoxe 306 millóns de euros a sufragar a escola concertada, 56 máis que cando o PP chegou a San Caetano. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
A Xunta da Galiza aumentou en 22,4% as partidas destinadas ao réxime de concertos educativos desde 2009, un crecemento o triplo de alto que o que experimentou no mesmo período o orzamento do sistema público, que se incrementou en 7,9%. A Educación Especial é boa mostra da repunta da concertada na Galiza.

No curso escolar 2008-09, o último antes da chegada de Alberto Núñez Feixoo ao Goberno galego, na Galiza había un total de 31.375 docentes nos centros públicos de ensinanza non universitaria e por volta de 5.283 profesores e profesoras nas escolas privadas con réxime de concerto, uns centros que na actualidade son 227 no país.

A radiografía actual do sistema educativo da Galiza, máis dunha década despois, é ben distinta e evoluciona considerabelmente a favor dos centros privados concertados: 30.534 docentes na pública e até 5.618 na concertada no curso actual. O primeiro dato —non desagregado por etapas— deuno nesta terza feira o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no Parlamento galego; o segundo, dado que a Consellaría aínda non publicou o informe correspondente ao presente curso, é o que o departamento asignou ao ano escolar que vén de rematar, á espera de coñecer unha actualización que, previsibelmente, non mudará de forma substancial.

Neste senso, os Orzamentos de 2022 reflectiron un incremento da partida destinada ao réxime de concertos dos diferentes niveis educativos, que pasa dos 302,3 millóns de euros o pasado curso a 306,04 no actual, a pesar de que as axudas extraordinarias por mor da Covid-19 de 4,1 millóns quedaron este ano por riba do medio millón de euros.

A contía destinada a sufragar a escola concertada este ano é 22,4% superior á de 2009, último curso escolar cunhas contas aprobadas polo Goberno de PSdeG e BNG, cando se destinaran uns 250 millóns de euros. Pola contra, as partidas para o sistema educativo público, que daquela ascendían a 1.754 millóns, medraron a un ritmo claramente inferior ao chegaren agora aos 1.893 millóns —descontando en ambos os casos o orzamento das universidades e o custo dos concertos—, isto é, 7,9% máis.

Aplicando a variación do índice de prezos de consumo (IPC) entre 2009 e 2022, de 22,5% segundo o INE, o orzamento destinado daquela a educación pública correspondería a uns 2.455 millóns hoxe (fronte aos 1.893 millóns que dedica a Xunta este ano), mentres as partidas para os concertos se traducirían nunha contía moi semellante á actual.

A Educación Especial, entregada á xestión privada

Caso significativo é o da Educación Especial. Cando Feixoo tomou as rendas do Executivo galego en 2009, estaban operativas no país, en diferentes centros —quer dedicados en exclusiva a esta ensinanza quer de réxime xeral mais con recursos para impartila—, 241 unidades de Educación Especial, das cales 140 correspondían a escolas de titularidade pública e as 101 restantes, privada.

No último curso obsérvase unha evolución dispar: se ben as unidades na pública medraron en 17%, até 164, as de centros de xestión allea á Consellaría duplicáronse, alcanzando en 2022 as 204, segundo datos do Instituto Galego de Estatística con base na información subministrada anualmente polo departamento de Educación. Así, o alumnado con necesidades específicas na concertada (592 no último curso) supera agora o da pública (560).

Aliás, o 1 de setembro o Diario Oficial da Galiza recollía a orde reguladora da liña de axudas a colexios concertados para atender o alumnado con necesidades específicas, por valor de 450.000 euros, un recurso que a Xunta "nega ao ensino público", denunciou a CIG-Ensino.

Un de cada dous centros de ensino concertados na Galiza é de carácter relixioso

A metade dos colexios que gozan dun réxime de concerto coa Xunta da Galiza —112— teñen un marcado carácter relixioso, e a práctica totalidade deles englóbase dentro da rede Escolas Católicas (EC), fundada en 2005 como herdeira da franquista Federación Española de Relixiosos do Ensino.

EC ten por obxectivo "fortalecer a escola católica e axudar as entidades titulares e os seus centros para desenvolver desde a súa identidade o seu papel evanxelizador e educativo". Aliás, insta a "desenvolver un papel fundamental na tarefa evanxelizadora da Igrexa española nun clima de mutua confianza".