Por Oroso abaixo vai unha troita de pé

Esta fin de semana, o concello acolle a vixésima segunda edición da exaltación gastronómica deste peixe de río

Música de día e de noite, cultura, maxia e actividades para todas as idades no marco natural de Oroso. Isto é un bocado do que lle agarda á visitante da Festa da Troita, que esta fin de semana consolida o evento na súa vixésima segunda edición. “Como cada mes de maio, demostraremos que somos un concello acolledor, con moito que ofrecer desde un punto de vista gastronómico, paisaxístico e lúdico”, apunta o rexedor, Manuel Mirás.

 

Os máis de 30.000 visitantes que acostuman encher Oroso nestas datas poderán degustar as diferentes receitas de troita que ofrecerán os 27 locais de restauración que participan na celebración. Declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2009, a vila engalanarase durante os días 11, 12 e 13 de maio para se converter na “capital da gastronomía e dos eventos populares en Galicia”.

 

O comer e o bailar, todo é empezar

 

O programa deste ano dará inicio na sexta feira 11 de maio, co festival Oroso en Vivo, cando as orquestras París e Ibiza encherán de ritmo a Alameda de Góis a partir das 22.30 horas. Ao día seguinte, sábado 12, a xornada comezará ás 9:00 horas cos tradicionais campionatos de pesca na categoría adulta. Se o tempo acompaña, ás 10:00 horas, as crianzas poderán gozar con varios obradoiros infantís na praza de Isaac Díaz Pardo. En caso de choiva, as actividades neste punto serán trasladadas ao Centro Cultural.

 

Máis tarde, a charanga Os Atrevidos amenizará o mediodía cunha xenerosa ración de música. Ao mesmo tempo, os arredores da praza Isaac Díaz Pardo acollerá a inauguración da exposición ‘Son de Campo, Mulleres Rurais e Comercio Local de Oroso’.O campionato de pesca para adultos será retomado a primeira hora da tarde, e durará desde as 16:00 até as 20:00 horas. Paralelamente, e a partir das 18:00 horas, a asociación folclórica Lembranzas do Tambre e a asociación cultural Néboas do Cumio actuarán na praza Isaac Díaz Pardo. Á noitiña, a verbena na Alameda de Góis estará a cargo da orquestra Panorama e Chanel.

 

Por último, o programa do domingo 13 abrirá ás 9:30 horas da mañá, co campionato de pesca infantil. A charanga Mekánica encherá de vida as rúas de Oroso desde as 10:30 horas durante a mañá e desde as 16:30 horas en horario de tarde. O Mago Romarís tomén ofrecerá as súas ‘Ilusións ópticas’, ás 11.30 horas e ás 17:·0 horas na praza Isaac Díaz Pardo. Durante as horas centrais do día, a asociación folclórica Buxos Verdes collerá brevemente o relevo da charanga para obsequiar cun espectáculo musical de pasarrúasna alameda de Góis e arredores.

 

Tamén durante o mediodía, os bares colaboradores ofertarán degustacións de troitas momento no que tamén se lerá o pregón popular e se fará entrega dos premios e trofeos dos campionatos de pesca. Será ás 13:30 horas na alameda de Góis. Os actos institucionais serán clausurados pola Orquestra Marbella, que inaugurará unha sesión vermú para acompañar o xantar popular que terá lugar na carpa habilitada para tal efecto. A Festa da Troita pechara á noitiña do domingo, cunha última verbena a cargo da Orquestra Marbella e Os Satélites.