Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo

“Se a orixe do incendio é unha faísca dun cable de alta tensión, pediremos responsabilidades a esa eléctrica”

Adolfo Muíños con Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e o cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego visitaron a zona afectada polos incendios.

O incendio en Dodro-Rianxo arrasou máis de 1.120 hectáreas en apenas 40 horas, sendo o lume máis devastador no último ano e medio que padeceu Galiza. “É necesario un servizo de loita contra os incendios que estea operativo todo o ano iso de que o lume só é no verán acabou”, dinos o rexedor rianxeiro.

Desde as 22:45 da cuarta feira o incendio que afectou os concellos de Dodro e Rianxo está controlado. Segundo as últimas estimacións provisionais, ata que se parametrice afectou unha superficie de 1.120 hectáreas, das que 900 son de monte arborado e as 220 restantes de raso. Porén, o temor, a preocupación e o medo que se viviu nesas 40 horas en Rianxo non poden medirse. “Foi devastador”, resume Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo.

 

Supoño que estará intentado recuperarse agora de 40 horas moi duras, como viviu eses momentos?

Foi moi duro. A principal preocupación era que non afectase nin persoas nin vivendas, céntraste en garantir que alí onde haxa algún perigo dese tipo estean os medios para actuar. Estiven percorrendo eses lugares, os que puideran verse máis afectados, para tentar que houbese medios abondo. Son momentos en que loxicamente hai moitos nervios, moita tensión.

 

"Hai que ir cara á unha nova política forestal, apostando en especies que non favorezan tanto os incendios"

 

Aínda é cedo para facer balance de danos mais xa se pode supoñer que estes poden ser considerábeis...

Son cuantiosos. Comunidades de Montes que renovaron masa forestal, que fixeron plantacións novas, que investiron aí traballo e cartos... Ademais tamén hai parcelas particulares afectadas.

 

A principal hipótese coa que se traballa en canto á orixe deste incendio é a dunha faísca dun cable de alta tensión...

É a que se baralla desde un principio e hai bos técnicos e profesionais que saben investigar estas cousas, serán eles quen determinen se finalmente esa é a orixe ou non. Agora ben, non perdamos de vista que máis de 90% dos incendios teñen a orixe na man humana, a maioría dos incendios que tivermos en Rianxo no pasado foron intencionados.

 

De se confirmar finalmente que a orixe é unha faísca dun cable de alta tensión, pedirá responsabilidades o Concello á empresa propietaria?

Falaremos cos avogados e cos técnicos. Evidentemente, se a orixe do lume está aí haberá que reclamarlle á empresa. Non é normal que haxa esas faíscas así por así. Hai que estudar o caso e ver se se pode reclamar algún tipo de compensación por parte da empresa pois nunhas instalacións súas estivo a orixe desta devastación.

 

Non é o primeiro incendio grande que sofre Rianxo durante estes anos. Que se debe facer para non padecer máis?

Hai que falar de varias cousas. Unha delas, o labor de prevención, as parcelas teñen que estar limpas e rozadas, ben ordenadas.

Hai que ir cara á unha nova política forestal, apostando en especies que non favorezan tanto os incendios, como fan as pirófitas, ten que haber un cambio de paradigma na política galega para o bosque.

E, por último, hai que empezar a falar sobre a necesidade de que o sistema de prevención e extinción de incendios ten que estar todo o ano preparado e en activo, con persoal contratado. Acabouse iso de que só arde no verán. Arde tamén en primavera, en outono, e coas consecuencias devastadoras que podemos ver.