Xustiza

Os órganos xudiciais galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 11,5% menos de casos que no mesmo período de 2022

Xulgados de Santiago. (Foto: Nós Diario)
O TSXG indicou que os datos se viron afectados pola folga dos letrados da Administración de Xustiza, que se prolongou desde o 23 de xaneiro até o 28 de marzo.

Os órganos xudiciais galegos rexistraron no primeiro trimestre do ano 73.969 novos casos, o que supuxo unha diminución de 11,5 que no mesmo período de 2022. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o número de procedementos por cada 1.000 habitantes situouse no país en 27,4 fronte aos 34,1 de media estatal.

Así, ao 31 de marzo, os xulgados e tribunais galegos tiñan 172.908 asuntos en trámite, 12,9% máis que na mesma data do ano anterior. Ademais, resolvéronse 67.778 asuntos, 21,2% menos que en 2022.

Ante isto, o TSXG indicou que os datos se viron afectados pola folga dos letrados da Administración de Xustiza, que se prolongou desde o 23 de xaneiro até o 28 de marzo.

Por xurisdicíons

Desta forma, no primeiro trimestre de 2023 o ingreso de procedementos, en comparación coas mesmas datas de 2022, descendeu en todas as xurisdicións. En civil, 15,8%; en penal, 7,4%; na contencioso-administrativa, 15,5%; e na social, 6,5%.

Segundo os datos, no que respecta á xurisdición de civil, o número de novos casos recibidos na Galiza ascendeu a 32.898. Así, entre xaneiro e marzo finalizaron 29.415 casos, 23,9% menos que en 2022. En trámite quedaron ao final de marzo 94.502, o que supuxo unha subida de 13,5%.

No que se refire a penal, entraron 31.822 procedementos, 220,99 de media por órgano xudicial. O número de casos resoltos no primeiro trimestre ascendeu a 28.883, 16,8% menos; e o de asuntos en trámite ao final do período, a 45.378, o que supón 21,5% máis que o ano anterior.

Ademais, na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 1.978 casos entre o 1 de xaneiro e 31 de marzo. Así, para ese período concluíron 1.855 asuntos, 29,1% menos, e quedaron abertos 7.293, 4,2% máis que nas mesmas datas de 2022.

Así mesmo, na xurisdición de social presentáronse 7.271 novos casos, 6,5% menos; finalizaron 7.625, 23,7% menos; e quedaron en trámite ao final de ano 25.735, 0,8% máis.