PROTESTA

Organizan unha marcha zombi para"recuperar a dignidade" de Ferrol

'Apocacrise Zombi' será a orixinal forma de manifestarse d@s "indignad@s" cunha marcha polo centro da cidade.

O colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos convoca en Ferrol o evento 'Apocacrise Zombie' para mostrar a súa "indignación e loitar por recuperar a dignidade secuestrada" cun acto no que tamén querer "sacar da morte" á cidade, que pasa por unha profunda e longa crise.

A marcha, que parodiará as de zombis a base de disfraces, terá lugar o sábado, e partirá ás 12.00 horas desde o casco histórico de Ferrol para finalizar na Praza de Armas, onde un d@s integrantes do colectivo "poñerá voz aos mortos vivintes" coa lectura dun "manifesto de indignación".

A asociación explicou que "tomarán a rúa para facer ver que lles quedan forzas para loitar por recuperar a dignidade secuestrada". Tamén invitaron "a toda a cidadanía" para que asista ao evento e se disfrace de zombi. "Recoméndase traer moito sangue, suciedade, humor e indignación", di o colectivo.