As organizacións xuvenís soberanistas do Estado únense baixo o lema "Trans orgullosas: Autodeterminación de xenero"

Concentración contra a transfobia o pasado 16 de abril na Coruña. (Foto: @ArirFenda)

Galiza Nova, Joves PV, Jovent Republicà, Mallorca Nova, Gazte Abertzaleak e Joves d'Esquerra Menorquinista reivindican unha Lei Trans co berro de "por unha vida digna, autodeterminación de xenero".

As organizacións xuvenís soberanistas do Estado veñen de unirse e publicar un manifesto en apoio á comunidade trans e en favor dunha lexislación que ampare a autodeterminación de xénero.

Galiza Nova, Joves PV, Jovent Republicà, Mallorca Nova, Gazte Abertzaleak e Joves d'Esquerra Menorquinista acompañan a publicación do texto dunha campaña nas redes sociais. Todo se enmarca na preparación do Día do Orgullo, que igualmente reivindica especialmente a necesidade de aprobar a Lei Trans estatal.

As organizacións asinantes sinalan que "é un erro pensar que os dereitos cun colectivo exclúen os dereitos do resto: os dereitos suman e multiplican, non restan nin dividen", e por iso apostan en "facer unha fronte común sendo conscientes das opresións de xénero, sen xerarquizar as violencias, senón téndoas todas en conta".

Engaden que para isto "poñémonos a carón da comunidade LGBTI+ e dos dereitos das persoas trans e reclamamos unha vez máis unha Lei Trans".

"Só o sobernanismo amosa as debilidades deste Estado"

A responsábel da Asemblea LGBT de Galiza Nova, Iria Carreira, sinala nun comunicado enviado aos medios que a importancia de continuar avanzando para aprobar a Lei Trans.

"Na Galiza xa chegamos a ter unha Lei Trans no Parlamento Galego, que foi vetada polo Partido Popular; resulta aberrante que o PSOE que nun principio a apoiou, agora a rexeite reiteradamente no Congreso". Ademais, engadiu, "só o soberanismo está mostrando as debilidades deste Estado, por iso cómpre continuar avanzando para conseguir a liberdade para todas".

A Secretaria Xeral de Mallorca Nova, Maria Victòria Llull, valorou a campaña asegurando que "demostran, unha vez máis, que o soberanismo está unido contra a transfobia. Os dereitos gañámolos se son de todas". Llul destacou que "non hai soberanía sen todas as liberdades e non hai liberdades sen todos os soberanismos". 

A representante de Joves d'Esquerra Menorquinista, Marina Sansaloni, argumentou que é moi necesario unir forzas para poder aprobar unha Lei Trans e que sexa efectiva e garantista".

Francesc Roig, secretario xeral deJoves PV-Compromís, asegurou que "esta lei está facendo abrollar discursos de odio en diversos sectores da sociedade, e sorprendentemente en parte do movemento feminista. O feminismo é a ferramenta das mulleres, e en xeral, de toda a sociedade, para combater as desigualdades e a violencia machista. É por iso que temos que defender os dereitos e liberdades de todas as mulleres, sexan cales sexan as súas outras condicións".

Lara Carbonell, responsábel da secretaría de Feminismes de Jovent Republicà, afirmou que "os Països Catalans temos claro que deben ser un espazo seguro para todo o colectivo LGTBI".

En nome de Gazte Abertzaleak, Galder Agudo, sinalou que a Lei Trans, como todos os avances sociais, achegan dignidade e igualdade, sen quitarlle ningún dereito a ninguén. Neste sentido, engade que "é tempo de continuar coas anteriores vitorias do movemento LGBT+ e aprobar unha Lei Trans que cumpra coas demandas do propio movemento".