As organizacións ecoloxistas defenden un 'programa da Terra' para as municipais

Propoñen 10 medidas para camiñar cara á sustentabilidade dos concellos perante os comicios do 24 de maio.

 

Adega, Verdegaia, Amigos da Terra, APDR, FEG e CEMMA presentaron esta cuarta feira (21 de abril) unha serie de propostas encamiñadas a promover a sustentabilidade das administracións locais perante a convocatoria electoral do vindeiro 24 de maio. 

Coincidindo co Día da Terra, as organizacións ecoloxistas defenderon un 'programa da Terra' co que "salientar a importancia crucial dos concellos á hora de realizar actuacións tendentes a acadar un modelo ecoloxicamente sustentable no noso país". 

Trátase de 10 medidas "concretas, factíbeis e realistas destinadas a ser aplicadas en calquera municipio e permitir a transformación das nosas sociedades", sinalan. Iniciativas específicas que, no entanto, teñen grandes obxectivos entre eles superar o "actual modelo económico e social" pois, din, "é inxusto e insustentábel"; promover "un compromiso de cambio de dimensións estratéxicas" baseado na "participación" e "transparecia" reais e no "cumprimento da lexislación ambiental". 

As súas propostas que instan as organizacións políticas que concorrerán ás eleccións municipais a integrar nos seus programas, son:

  1. Integrar enerxía, mobilidade e contaminación 
  2. Protexer os espazos naturais, a flora e a fauna 
  3. Implantar unha nova cultura da auga 
  4. Aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa 
  5. Apostar pola redución, a reciclaxe e a compostaxe dos residuos sólidos urbanos 
  6. Defender a soberanía alimentar e apoiar ao sector primario para manter un mundo rural e mariñeiro vivos 
  7. Recoñecer a importancia dos coidados básicos para a vida, o papel das mulleres neles e facilitar novos esquemas de xénero ao respecto 
  8. Avanzar na participación cidadá cara unha democracia participativa real 
  9.  Facer unha reforma verde do sistema fiscal local e impulsar unha contratación pública verde 
  10. Afortalar a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentable