A ordenanza de circulación de Compostela limita as bicicletas

O borrador da nova ordenanza xeral de circulación e uso da vía pública limita con varios artigos a utilización das bicicletas na cidade de Santiago de Compostela. A asociación Composcleta convoca para o sábado unha manifestación rexeitando esta ordenanza que "amosa unha vontade sancionadora ás ciclousuarias sen sentido".

O pleno de Santiago de Compostela aprobaba en novembro do ano pasado unha proposta do BNG encamiñada a actualizar a Ordenanza xeral de circulación e o uso da vía pública para favorecer o uso da bicicleta. A iniciativa saía adiante cos votos a favor da oposición (PP, CA e BNG) e en contra do grupo político do PSOE, que goberna no consistorio compostelán. 
No seu momento, o edil responsábel de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, sostiña que esta ordenanza debía tratarse "ao seu tempo", xa que o Plan de mobilidade urbana sostíbel se atopaba en proceso de licitación e "debía ser a cimentación previa para unha actualización da ordenanza". 

O actual borrador está "lonxe de promover o uso da bicicleta como medio de transporte, fai todo o contrario, pondo impedimentos ás persoas que empregan este medio de transporte e amosando unha vontade sancionadora sen sentido", sinala a Asociación Cívica Composcleta

A ordenanza estabelece a prohibición de circular na zona vella para as bicicletas, limita os estacionamentos destas a "lugares habilitados" e a circulación nos seus propios carrís a 15 quilómetros por hora, así como tamén prohibe circular por beirarrúas en calquera caso, "mentres que os patinetes eléctricos si o poden facer en determinadas circunstancias". 
Ante estas cuestións, a asociación Composcleta convocou para sábdo unha manifestación en bicicleta rexeitando este borrador "nada progresista e en contra do Plan da Unión Europea para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro e apostar por unha maior sostibilidade, que o propio Concello  asinou no seu momento", sinala o presidente da asociación, Faustino Gómez, a Nós Diario.

Modelo de cidade como a de Pontevedra


O grupo de Compostela Aberta comunicou as súas achegas ao borrador, nas que piden, entre outros aspectos, que "ao igual que non se sancionan os peregrinos que veñen en bicicleta pola zona histórica da cidade, tampouco se sancione a veciñanza que queira facer uso deste medio de transporte polos mesmos lugares", indica o concelleiro Xan Duro.

Pola súa banda, o BNG entende que esta ordenanza "non aposta por un modelo onde os peóns e as peoas sexan as persoas prioritarias, ás que deberían seguir as bicicletas, o transporte colectivo e, en último lugar, os coches, como acontece en cidades como Pontevedra", apunta a voceira nacionalista, Goretti Sanmartín, en conversa con este xornal. Por iso, trasladaron as súas achegas ao Goberno local sobre esta ordenanza e "temos a esperanza de que este borrador se vaia modificar tendo en conta as peticións do tecido social".  O PP, pola súa parte, posiciónase a favor dunha "mobilidade alternativa coa bicicleta como protagonista". 
O Goberno local desbotou facer declaracións ao respecto.