Opositores á mina de Touro estarán na xunta de accionistas de Atalaya Mining, impulsora do proxecto

“Queremos asegurarnos de que os investidores de Londres entendan que a mina de Touro é un proxecto imposible”, segundo Luís Gallardo, membro da Plataforma Mina Touro - O Pino  Non

Luís Gallardo, da plataforma de afectados polo proxecto mineiro de Touro e a avogada  ambientalista  Elena  Solís asistirán este 27 de xuño á Xunta de accionistas de Atalaya  Mining en Londres. A empresa está listada no Mercado Alternativo de Valores (AIM), así como na Bolsa de Toronto (TSX). Estarán canda representantes doutras organizacións contrarias ás minas que Atalaya Mining ten ou impulsa no Estado español.

 

Gallardo sinala que: “En representación da veciñanza afectada  polo proxecto mineiro de cobre esixo a Atalaya que deteñan o proxecto e abandonen inmediatamente a área. Non permitiremos a invasión, o roubo nin a contaminación das nosas terras, nin cambiaremos as nosas vidas para facer espazo a esta destrución e contaminación”. “Vimos á xunta de accionistas como parte das nosas actividades para parar a mina   . Queremos asegurarnos de que os investidores de Londres entendan que é un proxecto imposible e que Atalaya está a mentir con respecto ao goberno galego, a sociedade e a propia  empresa   ”.

 

As organizacións participantes nesta acción son Ecologistas en Accion, ContraMINAcción - Rede Contra a Minaría Destructiva na Galiza, Plataforma Touro - O Pino Non, Sí a la Vida No a la Minería/ Yes to Life, No to Mining YLNM, The Gaia Foundation e London Mining Network.