Sanidade pública

As oposicións do Sergas alcanzan 85% de participación na quenda de mañá deste sábado

Oposicións do Sergas nunha convocatoria de 2020. (Foto: Xunta)
Un total de 18.377 aspirantes a 779 prazas do Sergas están convocados a realizar os exames de oposición esta fin de semana no Recinto Feiral de Silleda.

Un total de 1.382 aspirantes, 85,4% dos 1.618 convocados, participaron na quenda de mañá deste sábado nas oposicións do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que acolle o recinto feiral de Silleda. Desde as 9 horas, o recinto realizou os exames nas categorías de enfermaría obstétrico-xinecolóxica (ofértanse 46 prazas), técnico superior de imaxe para diagnóstico (12 prazas), técnico de xestión de sistemas (unha praza) e terapeuta ocupacional (seis prazas).

Para a quenda de tarde están convocadas 7.790 persoas para a cobertura de 318 prazas do grupo de auxiliar de función administrativa. Este domingo, 4 de febreiro, continuarán as probas do Sergas con máis de 8.900 persoas convocadas, entre o que destaca a oferta de 306 prazas de celador.

Un total de 18.377 aspirantes a 779 prazas do Sergas están convocados a realizar os exames de oposición esta fin de semana no Recinto Feiral Internacional da Galiza, en Silleda. As prazas e exames divídense en 10 categorías do sistema sanitario público galego.

Na tarde do sábado, ás 16,00 horas, examinaranse as 7.790 persoas admitidas na categoría do grupo auxiliar da función administrativa, para a que se ofertan en total 318 postos de traballo.

Un total de 669 aspirantes examinaranse a mañá do domingo. Póñense ao dispor dos examinados 10 prazas de enxeñeiro técnico, 32 de enfermeiro especialista en enfermería pediátrica, 31 de enfermeiro especialista en enfermaría de saúde mental; e 17 de odontólogo de atención primaria.