Oposición veciñal a una “megainfrestrutura” de 40 Km de liña de alta tensión entre Bergantiños e Ordes

A Rede de Plataformas Medioambientais di que é un proxecto “sobredimensionado” e “contrario ás directrices de ordenación do territorio”.

Unha nova liña de alta tensión de 40 quilómetros, entre Coristanco e Mesón do Vento, para levar a enerxía dos futuros parques eólicos que se farán na comarca de Bergantiños. Esa é, alertan desde a Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, Auga e Terra Limpas, a nova “megainfraestrutura” que amenaza estas zonas. Unha infraestrutura, advirten, “innecesaria”, “sobredimensionada” e “contraria ás directrices de ordenación do territorio”.

“Reclamamos a nulidade do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e do estudo de impacto ambiental da Liña de Alta Tensión (LAT) 220 KV Campelo-Mesón do Vento, que contempla atravesar ao longo de 40 km os concellos de Coristanco, Carballo, Tordoia, Cerceda, Ordes e Carral, para evacuar na estación eléctrica das Travesas a enerxía producida polos parques eólicos de Campelo, Bustelo e Monte Toural”, pide a Rede a través dun comunicado. 

Fan, ademais, un chamamento á veciñanza para se mobilizar e “frear” un proxecto promovido por Greenalia Power SL. O prazo para que calquera persoa ou colectivo poida presentar alegacións no rexistro da Xunta remata o 18 de xuño ou, no caso de ser propietario de terreos ocupados, en dez días hábiles a contar desde o día que recibira a notificación no seu domicilio. A Rede informa de que pon a disposición pública o modelo de alegacións elaborado polo seu equipo técnico.

Denuncia tamén “a total opacidade do proxecto e que ningún organismo público nin privado se puxo en contacto coas persoas afectadas para informar, consultar ou valorar a conveniencia de semellante infraestrutura”.

Os efectos desta liña sobre o medio ambiente, sobre a paisaxe rural, sobre o patrimonio cultural, sobre o benestar da poboación e sobre a economía e o desenvolvemento rural da zona “son moi negativos, aseguran dfesde a Rede, tendo en conta ademais que esta LAT transcorrería practicamente paralela á xa existente LAT 220KV Vimianzo-Mesón do Vento”.

Para a Rede este proxecto é contrario á Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galiza e contrario á normativa de liñas aéreas de alta tensión, que obrigaría ao desdobramento da LAT xa existente en lugar de construír esta nova.