A oposición ve Feixoo "incapaz" e "esgotado" ante a vaga de incendios

Aspecto actual dunha zona forestal de Cualedro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, repróchalle que manteña as "vellas políticas fracasadas" e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamenta que tivese sen atención "o medio rural". O popular Pedro Puy defende a xestión e advirte ás e aos incendiarios. 

Os representantes do BNG e do PSdeG comezan reaccionar á vaga de incendios que afecta a varias comarcas do sur da Galiza. Tanto un como outro partidos da oposición entenden que a imaxe de miles de hectáreas queimadas estes días nos terreos forestais galegos é unha mostra dun Goberno da Xunta "incapaz" e "esgotado" ante esta lacra do país. Mentres o PP avoga por traballar para "mellorar o sistema de prevención", pero incide en que "os incendiarios" aproveitaron "a difícil situación" no meteorolóxico para prender as lapas.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, subliñou hoxe no Parlamento que a fotografía dos "incendios arrasando zonas do sur" da nazón "son exemplo" de como a aplicación de "vellas políticas fracasadas conducen aos mesmos resultados".

"Mentres o PP careza dunha auténtica política de prevención, os 365 días do ano, e mentres non se poña en marcha unha estratexia de limpeza e ordenación do monte, os incendios serán tristemente unha noticia que se repite", advertiu.

Após trasladar o seu "apoio" tanto aos efectivos das brigadas contra incendios como á veciñanza que vive con "angustia" esta complexa situación, opinou que "é importante que compareza o conselleiro" de Medio Rural, José González, "porque debe explicar que ano tras ano ardan os mesmos concellos sen que a Xunta tome medidas eficaces".

Sobre este tema tamén se manifestou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que pensa que é "insuficiente" a política do Goberno de Feixoo neste ámbito, polo que "hai que esperar a que chova para ter garantías fronte ao lume".

Un medio rural abandonado

Ao seu xuízo, "o coidado dos montes ten que ser unha prioridade" en San Caetano e "é o momento de facer os deberes". "Hai que pasar páxina para facer unha auténtica política de prevención", subliñou.

E é que, para o líder socialista, pasaron catro anos nos que a Xunta "abandonou ao medio rural" e agora é precisa unha "política vertebración territorial que pasa por coidade o patrimonio interior".

Por contra, o voceiro do PP na Cámara, Pedro Puy, reiterou a disposición a aplicar "todos os medios" ao alcance "para que os incendiarios paguen" ante unha onda de incendios na que, desde o seu punto de vista, aproveitouse "a difícil situación meteorolóxica destes días para prender lume ao monte".

Puy, que trasladou "ánimo ás familias e os veciños", ademais de agradecer o traballo "importante" dos equipos de extinción de incendios, avogou tamén por traballar para "mellorar o sistema de prevención de incendios".