Pontón: "As vítimas esperan moito máis dos dirixentes políticos"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e Xosé Luís Rivas 'Mini', en declaracións aos medios á entrada do acto institucional en memoria das vítimas da COVID-19 [Imaxe: Europa Press].
619 rosas brancas en lembranza das 619 vítimas mortais da pandemia da COVID-19 no acto institucional organizado na igrexa de San Francisco, en Compostela, mais unha placa en recordo das vidas perdidas por parte dun grupo de familiares.

O Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela acolleu na mañá de hoxe un solemne acto institucional organizado pola Xunta da Galiza en lembranza das 619 vítimas mortais da pandemia da COVID-19, ás que se dedicaron outras 619 rosas brancas na súa memoria.

Presidido por Alberto Núñez Feixoo, a homenaxe abriuse cos himnos do Estado español e da Galiza, que deron paso ao descubrimento dunha placa en recordo das vidas perdidas por parte dun grupo de familiares.

No escenario, a cantante Luz Casal e o gaiteiro Carlos Núñez interpretaron en directo Negra Sombra, pondo música ao insigne poema de Rosalía de Castro.
A este acto acudiron representantes da vida civil e política da Galiza, entre eles o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; o delegado do Goberno, Javier Losada; e alcaldes de cidades como Xosé Sánchez Bugallo (Santiago), Lara Méndez (Lugo), Ángel Mato (Ferrol) e Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra); ademais de Feixoo e varios membros do seu Executivo.

Tamén acudiron, acompañados de membros das súas formacións, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o portavoz da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino; o candidato á Xunta de Marea Galeguista, Pancho Casal; e a portavoz de Ciudadanos Galicia, Beatriz Pino.

A oposición apela á prudencia e ao reforzo da sanidade pública

Ás portas da Igrexa de San Francisco e en declaracións aos medios, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu "investigar e aclarar todos os sucesos e acontecementos" que implicaron a perda de 619 vidas en Galiza como consecuencia da pandemia da COVID-19, "especialmente nas residencias de maiores". Tamén apelou á "prudencia" para a saída de Galiza do estado de alarma, instrumento "fundamental", dixo, na loita contra a COVID-19. 
Após valorar "o traballo feito polos profesionais sanitarios", sobre todo "os que estiveron na primeira liña de batalla" contra a enfermidade, o secretario xeral do PSdeG dixo que a reconstrución que sucede a pandemia "implica estar previstos para calquera posíbel escenario de rebrote".

o secretario xeral do PSdeG dixo que a reconstrución que sucede á pandemia "implica estar previstos para calquera posíbel escenario de rebrote"


"Hoxe queremos acompañar, desde logo, ás familias das vítimas", engadiu Caballero, quen con todo lembrou que hai asociacións de familiares de usuarios de residencias que "piden claridade" e "información" para "saber que é o que ocorreu cos seus maiores que perderon a vida", nuns casos tras ser derivados a hospitais e noutros no interior dos propios xeriátricos.
Pola súa banda, o portavoz da coalición Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, enviou unha "mensaxe de agarimo, de proximidade e de recoñecemento" ás familias das 619 vítimas mortais que deixou a pandemia da COVID-19 no territorio galego, á vez que erixiu en "fundamental" á sanidade pública. "É evidente que detrás de cada un destes números hai unha persoa, hai afectos, hai familias e, en definitiva, hai un percorrido de vida truncado por esta situación", lamentou. Seguidamente, avogou por que as institucións galegas realicen unha "homenaxe ao conxunto de galegos, que durante estes tres meses fixeron un enorme esforzo de civismo, de cumprir coas normas que se marcaban desde o ámbito científico, técnico e administrativo".

o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas avogou por "facer unha reflexión respecto diso do fundamental que é manter uns servizos públicos fortes"

 Ademais, Gómez-Reino deu as "grazas" aos profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde (Sergas), "pero tamén aos das emerxencias e a produción alimentaria". O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas avogou por "facer unha reflexión respecto diso do fundamental que é manter uns servizos públicos fortes", entre os cales a sanidade debe ser un "elemento fundamental". En vista da entrada da Comunidade galega na nova normalidade na segunda feira, Gómez-Reino apelou a ser "meticulosos", porque "o fundamental" agora é dar pasos "en función das informacións científicas e técnicas", aínda que se deixe atrás un estado de alarma que foi tamén "unha ferramenta fundamental" na loita contra o virus.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, enviou o seu "alento, solidariedade e agarimo" ás familias das 619 vítimas mortais da pandemia da COVID-19 na Galiza e apelou a "tomar nota dos erros" cometidos durante a crise sanitaria. En declaracións aos medios minutos antes de participar no acto institucional en recordo dos e das falecidas do coronavirus, a líder nacionalista enviou "unha mensaxe de recordo" para todos eles. "Van estar sempre na nosa memoria colectiva", engadiu. Ademais, lembrou as circunstancias "durísimas" que atravesaron as e os familiares das vítimas: "Nin tan sequera puideron compartir a dor nin ter o abrazo nin o alento dos seus seres queridos á hora de poder levar mellor esta situación". Por tal motivo, Ana Pontón dixo que "as vítimas esperan moito máis" dos dirixentes políticos. "Esperan que tomemos nota de cales foron os erros que se cometeron e que aprendamos de cales deben ser as leccións desta crise de cara ao futuro", dixo. Neste sentido, apelou a facer "unha aposta por defender a sanidade pública e uns servizos sociais potentes que coiden os máis débiles e que garantan unha vellez digna ás persoas maiores", que foron, precisamente, os máis afectados pola COVID-19.

apelou a facer "unha aposta por defender a sanidade pública e uns servizos sociais potentes que coiden aos máis débiles e que garantan unha vellez digna ás persoas maiores"

Tras apostar por "priorizar uns servizos públicos de primeira", avogou por que "nunca máis os traballadores das residencias", maioritariamente mulleres, "teñan que pór en risco as súas vidas" nestas circunstancias. A portavoz nacional do BNG recoñeceu o "inmenso traballo" dos profesionais sanitarios durante a pandemia, posto que "a pesar das dificultades e recortes dos últimos anos deron o mellor de si mesmos". "Pero xa haberá tempo para poder falar sobre o que leva pasado a sanidade pública do noso país", sentenciou Pontón.