A oposición exixe á Xunta tomar medidas "rápidas" para o ensino

Estudante en aulas (Imaxe: Europa Press)
A oposición critica o "caos" na organización do curso escolar. 

A corentena que garda o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, debido a un caso positivo de coronavirus na súa contorna, obrigou a aprazar varias iniciativas previstas para o pleno desta terza feira, 22 de setembro, no Parlamento galego, o primeiro desta lexislatura, entre elas, dúas interpelacións sobre o inicio de curso.

O secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tras esperar que o conselleiro "dea negativo" nas probas, lembrou que, coa interpelación presentada, querían facer que o titular de Educación comparecese na Cámara para coñecer a situación ante a "preocupación" das nais e pais.

"O Goberno non fixo o seu traballo", lamentou o socialista, que mencionou a "falta de consensos e a prepotencia" do Goberno galego á hora de planificar o inicio de curso e considerou que o anuncio de contratación de profesorado cando xa comezaron as aulas é unha "mostra do suspenso da Xunta". "Moi rápidos non foron", xulgou, así mesmo, en referencia á constitución nesta segunda feira, 21 de setembro, do comité de expertos da Xunta para o seguimento da situación no ensino.

Pola súa banda, a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, denunciou o "caos" e "improvisación" na organización do curso escolar e pediu "respostas rápidas" por parte da Xunta.