A CRTVG nega represalias e recorre a sentenza que a condena por sancionar un traballador

Sánchez Izquierdo, no Parlamento, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)
A corporación pública recorreu a sentenza que considera probada a represión da empresa contra un traballador da CRTVG. Nega desquite ningún e reduce a sanción imposta ao xornalista Carlos Jiménez un asunto "laboral". BNG e PSdeG destacan o valor da sentenza condenatoria e urxen a Sánchez Izquierdo que asuma responsabilidades.

Unha sentenza do Xulgado do Social nº 1 de Santiago de Compostela declarou nula o pasado mes de decembro a sanción imposta ao traballador da CRTVG Carlos Jiménez por parte da corporación pública. 

Unha resolución "histórica" expuxo a deputada nacionalista Alexandra Fernández ao director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, na comisión permanente de control do ente público decorrida esta sexta feira na Cámara galega.

A sentenza, dixo, condena "branco sobre negro" a CRTVG por represalias ao xornalista pola súa participación nos denominados Venres Negros, cos que o cadro de persoal denuncia a manipulación dos medios públicos, recalcou Fernández.

Dimisión

"As actuacións tomadas pola dirección, que son un feito probado, denigran a imaxe e a credibilidade da corporación; vai vostede a dimitir do seu cargo para que a corporación e a súa imaxe se salvagarden?", cuestionou.

O BNG urxe ao director xeral da radio e da televisión públicas da Galiza a pedir desculpas a Carlos Jiménez, e a pór "o seu cargo a disposición" en vista de que o pronunciamento xudicial "non ten matices nin subterfuxios”, senón que estabelece “que hai unha correlación temporal entre as mobilizacións dos Venres Negros e a participación activa do traballador nestas mobilizacións co expediente que se lle abre e a sanción que se lle impón".

Manipulación

Tamén desde o PSdeG exixen "responsabilidades" a Sánchez Izquierdo despois de que a xustiza condenase o ente público por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador por participar nas mobilizacións dos Venres Negros. "Esta sentencia é o triunfo da loita contra a manipulación informativa", salientou a deputada Noa Díaz.

A socialista tamén se referiu ás represalias recibidas por Carlos Jiménez por esixir pluralidade e imparcialidade informativa nos medios públicos e por vulnerar a súa liberdade de expresión, como recolle a sentenza.

"Isto pon de manifesto o que moitas traballadoras e traballadores veñen denunciando dende hai anos", lamentou a socialista quen incidiu en que "esta barbaridade debería ter consecuencias unha vez que foi probado".

Un asunto laboral 

Pola súa parte, Alfonso Sánchez Izquierdo negou calquera represalia ademais de defender a sanción imposta ao traballador e que a xustiza botou abaixo.

Segundo afirmou, o castigo atende a un tema "estritamente laboral", polo que o ente público xa tramitou o recurso da sentenza.