CARA AO 8-M

A oposición esixe igualdade para a muller mentres o PP presume de candidatas madrileñas

Acto do BNG polo 8-M en Vigo.

O PSOE asegura que “a dereita relega á muller”, o BNG denuncia que cobren menos que os homes e AGE considera “insoportábel” a súa situación laboral. Desde o Partido Popular presúmese da candidatura de Aguirre e Cifuentes en Madrid malia que nas cidades galegas só presenta unha muller en sete cidades.  

 

As maioría das forzas políticas realizaron actos ou tomaron posición respecto ao 8 de marzo, a simbólica data do feminismo que a oposición aproveitou para criticar a marxinación que sofren as mulleres, en especial no traballo, onde as enquisas afirman que cobran bastante menos que os homes. 

Por parte do BNG, a deputada Carme Adán denunciou durante un acto en Vigo que “dende o ano 2008 máis de 70.000 mozas abandonaron Galiza”. A formación nacionalista protestou, así mesmo, contra “a precariedade laboral das mulleres, cobrando menos salario que os compañeiros varóns e ocupándose maioritariamente do coidado de fillos e persoas dependentes”. 

O Bloque calcula de que desde 2008 máis de 70.000 mozas abandonaron Galiza

Pola súa parte, dentro de AGE Esquerda Unida cualificou a situación laboral da muller como “insoportábel”. “Existe unha situación límite, de absoluta supervivencia”, declarou o deputado Ramón Vázquez. O PSOE tamén falou desta cuestión, coa que aproveitou para atacar ao PP. “A dereita provocou que un Día da Muller que debería ser de celebración se teña que volver a converter nun día de reivindicación, xa que o PP desfixo o camiño andado tras séculos de reivindicacións”, dixo o líder socialista, José Ramón Gómez Besteiro nun acto en Compostela. 

Por parte do PP galego, cunha nota pública expuxo “o seu compromiso de seguir traballando pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes para acadar un modelo social avanzado sen barreiras nin discriminacións por razón de xénero”. Porén, as declaracións máis destacadas foron as da secretaria xeral da formación no Estado, Dolores de Cospedal, que amosou como proba da súa aposta pola igualdade o feito de que dúas mulleres como Esperanza Aguirre e Cristina Cifuentes sexan as cabezas de lista da formación en Madrid para a capital e a Comunidade. No entanto, en Galiza á fronte das candidaturas das cidades hai seis homes e unha soa muller.