A oposición esixe a Feixoo que manteña os docentes contratados de reforzo pola Covid-19

(Foto: Xunta da Galiza).
BNG e PSdeG lamentan que o Goberno da Xunta desbote ese reforzo para o sistema educativo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiron ao presidente da Xunta, Núñez Feixoo, que manteña para o vindeiro curso os docentes contratados de reforzo durante a pandemia.

En declaracións aos medios no Parlamento de Galiza, a líder do Bloque asegurou que a Covid demostrou "que se necesita máis profesorado" após "anos de recortes" de docentes cos Gobernos do Partido Popular. "Equivócase Feixoo e nós pedímoslle unha rectificación non só para que se manteña todo o persoal contratado durante a Covid, senón para que se reforce o sistema educativo", sostivo.

Pontón considerou que hai unha oportunidade para facer unha mellor educación, "que é o mellor investimento que pode facer un país" e sostivo que Feixoo "volve mostrar unha miopía importante" e "a súa incapacidade para defender uns servizos públicos de calidade".

Pola súa banda, noutra rolda de prensa tamén no Pazo do Hórreo, o xefe de filas dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, instou o máximo mandatario galego a "non iniciar o curso que vén despedindo centos de profesores".

"Que manteña os contratos a todos os profesores de reforzo que existiron no curso 2020-2021 e que non queira facer na educación o mesmo que fai na sanidade"

"Que manteña os contratos a todos os profesores de reforzo que existiron no curso 2020-2021 e que non queira facer na educación o mesmo que fai na sanidade", afirmou. Tras censurar tamén que na atención primaria haxa listas de espera e que a asistencia sexa "telefónica e non presencial", criticou que o Partido Popular non queira saír da crise reforzando os servizos públicos e todo o que implica benestar e cohesión social.

"Para ter unha educación de calidade é necesario manter a todos os profesores contratados, non podemos seguir á cola da listas do estado español en calidade de servizos públicos e sociais", incidiu Gonzalo Caballero.

A respecto destas demandas, o portavoz parlamentar do PPdeG, Pedro Puy, destacou que "o ano pasado foi un ano extraordinario" no que "se puxeron todos os medios necesarios para manter a normalidade do proceso educativo". "O que imos é a seguir poñendo todos os medios necesarios en función de como evolucione a situación sanitaria e as esixencias da propia pandemia", indicou.