Oposición das Anpas galegas á campaña para “dulcificar” no ensino a actividade mineira

Critica que Xunta e ‘lobby’ mineiro leven aos centros escolares unha promoción que “terxiversa a realidade” e oculta os efectos destes “terríbeis impactos ambientais”.

A Confederación Anpas Galegas amosa a súa fonda preocupación polo feito de que Xunta e Cámara Oficial Mineira de Galiza presenten un conxunto de materiais educativos destinados a alumnado de infantil, primaria e secundaria. Esta campaña, indica este colectivo de nais e pais de escolares, parece que procura “dulcificar os impactos ambientais da minaría” e que provocaron un rexeitamento social, como os de Corcoesto, Touro, San Finx, Erimsa ou Triacastela.

 

A confederación Anpas Galegas manifesta o seu rexeitamento “rotundo” a que crianzas e adolescentes “teñan que aturar nos centros de ensino, ou en calquera actividade extraescolar,  uns audiovisuais perniciosos (…) que semellan ocultar a grave contaminación, destrución da paisaxe e do patrimonio que denuncian colectivos integrados en ContraMINAcción.

 

Diante diso, a Confederación solicita á Xunta que recapacite e non faga uso dese material “didáctico” que “terxiversa a realidade” e ocultan os efectos destes “terríbeis impactos ambientais”.