A oposición celebra a renuncia do PP a lexislar sobre o aborto e @s conservadores falan de responsabilidade

Congreso español

Se nas primeiras declaracións os partidos da oposición parlamentar se apuraban a celebrar a retirada da lei e reclamar a dimisión de Gallardón, en pouco, a súa demanda converteríase en realidade. Os partidos da oposición destacaron o papel da presión do feminismo na decisión do Goberno. 

Para a deputada do BNG, Olalla Fernández Davila, a retirada da reforma da Lei do Abortou debeuse á “mobilización social, ás mulleres e á presión política”. Sinalou tamén a parlamentaria que a lei vixente xa ten garantías abondas para o consentimento de menores de 16 e 17 anos polo que defendeu que non eran precisas as modificacións anunciadas polo goberno. 

“O que se plantexaba no anteproxecto de Gallardón era retrógrado, reaccionario e pretendía anular unha lei que está a funcionar porque outorga liberdade de decisión ás mulleres, e lles da garantías xurídicas e sanitarias”, sinaou Fernández Davila. 

Na mesma liña manifestouse a deputada de Amaiur Onintza Enbeita que felicitou ao movemento feminista. “É un día para celebrar que gañamos unha pequena batalla a favor dos nosos dereitos”, dixo. 

Se o PSOE pedía pola mañá a dimisión de Gallardón en boca da súa secretaria de Igualdade, Carmén Montón, xa pola tarde era o voceiro Pedro Sánchez quen aplaudía a decisión do que cualificou como un “pésimo ministro” como demostrou co anteproxecto de reforma da lei do aborto. O grupo socialista manifestara nada máis ser coñecida a noticia que o anuncio do goberno era o “trunfo da razón” e apurábase a felicitar a asociacións de mulleres, profesionais e outros colectivos que se opuxeron á tentativa do goberno do PP. 

"Perda de pulso"

O portavoz de IU na Comisión de Xustiza, Gaspar Llamazares explicou a retirada do anteproxecto como a “perda de pulso” do PP e a Igrexa católica mais alertou da posibilidade que lles queda aínda co Tribunal Constitucional que aínda non se pronunciou sobre a lei de prazos. 

Con un chío en twitter agradecendo os seus servizos respondía no primeiro momento o PP á despedida de Gallardón. Malia iso e a “sensatez” á que aludiu Rajoy á hora de explicar a decisión, a ferida deixa pegada nun dividido partido do goberno. O presidente tivo o respaldo de Celia Villalobos, vicepresidenta do Congreso e coñecida opositora ao proxecto de Gallardón quen falou dun triunfo de Mariano Rajoy que fixo “o que tiña que facer”. Recoñecía tamén Villalobos que a reforma non tiña consenso mais non só cos outros grupos parlamenares senón “internamente no partido”.