Oposición ambientalista a unha macroincineradora de biomasa para Curtis

Imaxe dunha central de biomasa

A Federación Ecoloxista Galega ten alegado ao proceso ambiental aberto sinalando que a instalación incumpre a lexislación autonómica en vigor. A central queimaría 580.000 toneladas anuais. 

O ambientalismo oponse á instalación en Curtis dun macroproxecto de xeración eléctrica consistente nunha central de 50 MW que prevé a queima de 568.000 toneladas anuais de biomasa. A Federación Ecoloxista Galega (FEG) oponse á instalación desta macroincineradora e ten alegado no proceso administrativo aberto. Así, considera que o proceso de tramitación desta instalación carece de soporte xurídico e non se pode desenvolver ao incumprir “de xeito fragrante e evidente a lexislación autonómica básica na materia, concretamente o Decreto 149/2008, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia”. Este Decreto en vigor establece un límite máximo de 10 MW para cada proxecto de central, “o que claramente se incumpre cunha central de 50 MW”.

Alerta

A FEG alerta ademais de que as importantes cantidades de biomasa que precisaría a planta (568.000 toneladas/ano) precisarían do emprego de cultivos enerxéticos. “Así, a empresa non facilita datos sobre a dispoñibilidade e garantía de subministro, indicando que a biomasa vai ser recolleitada na provincia da Coruña, o que resulta cando menos sorprendente, xa que o concello de Curtis limita coa provincia de Lugo”.

A Federación lembra que na actualidade hai máis dunha ducia de macrocentrais de combustión de biomasa para producir electricidade que precisarían de enormes cantidades de biomasa forestal o que afectaría gravemente ao medio.