A oposición alerta do ingreso en UCI da Atención Primaria

A denuncia do colapso na Atención Primaria centrou o pleno do Parlamento galego (Foto: Arxina)
A Atención Primaria na Galiza "está na UCI" por "elección ideolóxica" do PP, denuncia o BNG.

A Atención Primaria na Galiza "está na UCI" por "elección ideolóxica" do PP. Así o aseverou no Parlamento a deputada Montse Prado (BNG), que sinalou a preferencia do Goberno galego por favorecer a sanidade privada en detrimento da pública. "As e os profesionais están fartos de multiplicarse para lograr dar unha mínima atención e non o conseguen", lamentou.

Socialistas e nacionalistas presentaron mocións no pleno para impulsar a Primaria, logo de que a Xunta estipulase que as citas presenciais non pasarán de 60% e que 40% serán vía telefónica. 

Prado pediu que "todas as persoas que o precisen e o demanden" teñan garantida a atención presencial e demandou garantir unha atención telefónica sen demoras, mediante o aumento e mellora da rede e a dotación do número de profesionais precisos para responder ao aumento exponencial da demanda.

Aliás, pediu incrementar o orzamento da Primaria até chegar a 25% na presente lexislatura e destinar 200 millóns de inmediato ao seu financiamento.

Tamén avogou pola incorporación á carteira de servizos de "categorías imprescindíbeis" para prestar unha atención integral e descolapsar as listas de agarda, como profesionais da psicoloxía, farmacia clínica, terapia ocupacional, logopedia, traballo social ou podoloxía. “Non substitúen baixas laborais,  vacacións nin permisos nin xubilacións (...) e seguen sen mellorar as condicións laborais nin as retribucións”, reprobou.  

Pola súa banda, o deputado Julio Torrado (PSdeG) recoñeceu que os problemas sanitarios son complexos, pero mostrouse convencido de que se a Xunta puxese "a metade de esforzo que dedica a buscar escusas para tratar de solucionalos", poderíase "avanzar". O socialista suxeriu que o PP non quere "apostar" polo sistema público. "A nosa proposta é pactar solucións estratéxicas con diñeiro e prazos", recalcou.

Finalmente, Encarna Amigo (PP) gabou as medidas da Xunta e pediu ás forzas políticas "deixar traballar aos profesionais, que ninguén máis que eles desexan que estas medidas sigan avanzando para lograr a Atención Primaria do século XXI". Recoñeceu a falta de profesionais mais centrou a solución en solicitar ao Estado máis prazas MIR, sen facer mención á demanda da oposición para ampliar a duración de contratos temporais no Sergas nin a incorporar novas categorías á carteira de servizos.