Constitúese a Casa da Cultura Galega de Copenhage

“Queremos dar a coñecer Galiza entre os escandinavos”

É o centro máis ao norte que argallaron uns galegos. Catro mozos emigrantes en Dinamarca que impulsan con ilusión, folgos e moitas gañas un espazo que quer servir como punto de encontro de galegos nese país ademais dunha singular embaixada do noso país en terras dinamarquesas. 

Raquel, Diego, Tareixa e Noela son catro persoas mozas que emigraron a Dinamarca por diferentes motivos e que un día de San Xoán deron a luz a idea de crear en Copenhage unha Casa da Cultura galega. Unha manager de ventas nunha empresa de tecnoloxía holográfica, unha investigadora na universidade, un enxeñeiro de telecomunicacións que traballa en soporte e desenvolvemento nun banco e unha cociñeira que soña con abrir en Dinamarca o seu propio local de cociña galega e do norte. Con estes bimbios fíxose o cesto que é a Casa cultural galega, unha iniciativa que xa realizou un dos seus primeiros actos: un magosto no que se animaron a participar dinamarqueses. “Trouxemos todos os productos de Galiza, a cara da xente cando mordeu o chourizo, bebeu o viño, ou comeu castañas, foi brutal!”, lembra Noela. Falamos con ela sobre este proxecto que puxeron en andamento polas terras do Norte.

- Seguramente Dinamarca non é un dos sitios onde, de boas a primeiras, pensemos en Galiza á hora de falar de emigrantes galegos. Existe unha comunidade galega importante?

Non, somos a única comunidade por este lares, sabemos da existencia dunha Irmandade aquí en Copenhague, pero hai anos que se disolveu. En canto emigrantes, hai uns cantos que xa levan unha década vivindo neste país, pero non coñecemos, ou polo momento non, galegos que leven moito máis tempo. Si que é verdade que cada vez somos máis pero a pequena escala. Conforme vaiamos medrando e nos demos máis a coñecer, teremos unha información maís contrastada e fiable, algún ha de haber!!

Os galegos agora son maís dinámicos e a emigración cambiou nestes últimos anos, antes a xente emigraba a un país e non se movía, establecíase nel por un período longo, agora a xente vén e vai. Coñecemos moita xente que veu por un ano, volveu, marchou de novo e así sucesivamente. Entón énos un pouco difícil formar unha entidade fixa. Gustaríanos que o proxecto seguirá adiante ainda que os membros fundadores xa non estiveramos en Dinamarca, que a idea nunca morra!!


Os escandinavos son xente cunha curiosidade moi particular pola cultura,

Como foi nacendo e materializándose a idea dunha Casa da Cultura Galega en Copenhage?

Pois a idea xurdiu de varias ideas separadas e de diferentes persoas. Ao final, en varias xuntanzas entre galegos foise falando e a idea foi collendo forma entre todos. Fomos quedando as persoas que realmente quixemos que isto saíse adiante. En si, poderiamos dicir que o día de San Xoán foi o día do nacemento desta idea. Os pasos a dar foron bastante sinxelos, sobretodo dende a parte administrativa danesa (todos os trámites en 20 minutos). Despois foi sentarse a formar a Acta Constitucional e as bases da Asociación e crear o primeiro evento, un Magosto. Agora xa arrancamos pero aínda está todo por facer.

Cales son os obxectivos desta Casa cultural? Un simple espazo de reunión de galegos residentes alí? Dar a coñecer Galiza en Dinamarca?

Moitísimos!!! Para nós non é só un espazo de reunión dos galegos que vivimos aquí, é algo máis, a oportunidade de traer un anaquiño da nosa terra e cultura e dala a coñecer nos países nórdicos. Os escandinavos son xente cunha curiosidade moi particular pola cultura, e non nos podemos esquecer de que nalgunhas cousas compartimos raíces e tradicións. Ambas somos xente do norte, e iso nótase! (rise)

Sabedes se hai outros centros galegos nos países escandinavos?

Que sexan oficiais non. Éste é outro dos obxetivos da asociación, co tempo facer unha rede de Casas de Cultura Galega en toda Escandinavia, e traballar todos en conxunto.

Actividades que fagades, proxectos que teñades a desenvolver, ideas que esteades a madurar...

Pois polo momento o primeiro evento oficial foi o magosto, e cremos que vai ser o único deste ano. Agora estamos a centrarnos na asociación como tal; páxina web, captación de socios, publicidade, subvencións e programación para o ano. Como asociación sen ánimo de lucro, estamos buscando financiamento e posibles colaboracións e axudas por parte gubernamental e empresas que estén interesadas en axudarnos a promover a cultura galega e os seus productos.

No Magosto, trouxemos todos os productos de Galiza. A cara da xente cando mordeu o chourizo, bebeu o viño, ou comeu castañas foi brutal!!

Dentro das ideas que temos hai facer un Festival de Curtametraxes en Copenhague, con longametraxes en colaboración con pequenos cines da cidade e con enntrevistas con actores e directores galegos. Tamén queremos impulsar lecturas de libros e poemas en galego, contacontos, facer unha lectura conxunta Galiza / Dinamarca. Concertos con grupos galegos, argallar foliadas, clases de baile tradicional galego e de instrumentos galegos... Palestras sobre a historia de Galiza con especial atención aos vínculos coa cultura viquinga... E non pode faltar a parte gastronómica! Colaboración en feiras e todo o tipo de evento gastronómico, Cata de meles e queixos de Galiza, cata de augardentes e historia deles, Cociña galega, produto, tradición e modernidade. Festival das Cociñas do Norte.

E, como non, festexar datas como entroido, Día das letras Galegas, San Xoán, 25 de Xullo, magostos...

Saben en Dinamarca algo de Galiza?

(Rise) “Iso está ao lado de Cataluña.. Ah, non!, ao lado de Donosti!” Sempre o dín. Non teñen nin idea onde queda. Explicámosllo: riba de Portugal, na esquiniña, a fin do mundo.. e vanse orientando. O outro día no Magosto achegouse un rapaz e  preguntoume sobre a música, “pero isto é música galega? Soa a música celta”, Eu pensei; si meu rei, algo temos en común…Temos que dar a coñecer todo!

Paradóxicamente cando lles falas do Camiño de Santiago si que o coñecen e xa prestan máis atención. Dende a asociación cremos que este é un punto forte e queremos traballar nel, información, entrevistas a daneses que fixeron o camino, historia, etc

Calquera galego que estea nestas terras gustaríalle ver nun futuro unha Galiza semellante a Dinamarca

Na tradición galeguista Dinamarca era un país admirado. Pequeniño como o noso, marítimo, con sectores primarios importantes... Moitos galeguistas vían a súa Galiza ideal nalgo semellante a Dinamarca: moderna e mantendo as tradicións ao tempo, con peso do cooperativismo, ambientalmente moi coidada e cun territorio ordenado, etc.. Cadra esa imaxe bucólica de Dinamarca que tiñan eles (e que ten aínda moita xente na actualidade) na Dinamarca real?

Totalmente, os daneses están moi orgullosos das súas tradicións, da suá cultura e do seu sistema  (reo que é para estalo). Son xente simple e ruda a vez, respetuosa ca comunidade na que viven e cun humor moi sarcástico (parecémonos bastante). Tal e como está estuturado o sistema dinamarqués apenas hai grandes diferencias sociais, todo o mundo mantén unha vida digna e todo o mundo ten oportunidades. O punto económico non é un problema para esta sociedade e iso nótase, a xente síntese libre e segura.

Penso, e falando dende a morriña, calquera galego que estea nestas terras gustaríalle ver nun futuro unha Galiza semellante a Dinamarca. En moitas cousas é un modelo a seguir.

Sentídesvos ben, cómodos en Copenhage?

Si, é un bo país para vivir, eso si, tes que encaixar, non todo o mundo se adapta a Dinamarca. Como en calquera sitio ao que te mudas, precisas tempo de adaptación e tempo para asentar raíces. Se en todos os sitios os comezos son difíciles creo que Dinamarca engádese un pequeno plus: parecémonos en moitas cousas pero entre nós hai unha pequena diferencia,que é a maneira do trato cos demais. Na miña opinión, nós somos máis cercanos e pronto entablamos lazos de cariño e amizade, podo decir que os daneses neste punto son un pouquiño máis independentes. Polo demáis son caralludos!!!

O que máis estrañamos son as festas e as xuntanzas cos nosos, pero agora xa temos a Casa da Cultura Galega. Tamén se estraña a natureza,a montaña, os ríos e as nosas praias…

Seguides conectados con Galiza?

Claramente, ese é un lazo irrompible. O máis forte é o da papadela. Eu como cociñeira que vou dicir (rise) Nunca vin a ningún emigrado galego que non se emocionase ao comer algo típico galego. Nós mesmos, no Magosto, trouxemos todos os productos de Galiza. A cara da xente cando mordeu o chourizo, bebeu o viño, ou comeu castañas foi brutal! Galiza is different! Somos sabor puro! Produto da Terra!

Ademais, a música non pode faltar. Todos temos eses grandes clásicos galegos metidos na cachola Persoalmente sigo os avances en diferentes estilos de música, rock, reggae, punk e folk. Despois da cociña a música é miña seguinte paixón.