Localizan o corpo dun dos mariñeiros do pesqueiro desaparecido en Cíes

Illas Cíes

O 'Marsua J' non volveu a porto e non se puido contactar con el, o que motivou activar o operativo de busca. Ían dous mariñeiros a bordo. Localizaron o corpo dun deles, segundo CRTVG, e tamén restos da embarcación. 

Os servizos de emerxencias tratan de atopar o 'Marsua J', un pesqueiro con dous mariñeiros a bordo que estaba a faenar polo oeste das illas Cíes, segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo. Efectivos do operativo localizaron un dos corpos dos mariñeiros pouco antes das seis da tarde, segundo a CRTVG. 

A alerta deuna un particular sobre as 16.30 horas tendo en conta de que a embarcación non regresara ao seu porto base, en Baiona, no tramo horario previsto.

Após recibir o aviso do 112 Galiza mobilizáronse a embarcación Salvamar Mirach de Salvamento Marítimo e o helicóptero Pesca I, do servizo de Gardacostas de Galiza.

No rexistro da frota do Ministerio, figura que é un barco de artes menores de case siete metros de eslora. Ten porto base en Baiona e foi dado de alta en febreiro de 2001.