A ‘Operación Jaro’, perante a Relatora da ONU

(GZ Contrainfo)

Encausadas no proceso da Audiencia Nacional contra 12 independentistas queren levar este caso á relatora das Nación Unidas. Na xuntanza mantida polas imputadas esta fin de semana con varias representantes do tecido político e social propúxose o 16 de febreiro como data para unha manifestación nacional de denuncia do proceso.

A denuncia do proceso aberto pola Audiencia Nacional contra 12 independentistas galegas de Causa Galiza e Ceivar a raíz das Operacións Jaro I e II non se limitará á propia Galiza. Esa é a intención das persoas encausadas neste “macroproceso”, que pide de 4 a 12 anos de prisión para as imputadas e multas por un total de perto de 350.000 euros.

Esta fin de semana Compostela acolleu unha xuntanza das encausadas no proceso con representantes de diferentes organizacións e entidades, tanto políticas (BNG, Mocidade pola Independencias), como ambientalistas (Adega, Verdegaia), de dereitos civís (Esculca), xuvenís (Briga, Erguer) ou mesmo centros sociais. Unha das propostas postas sobre a mesa nesa reunión foi ade contactar “coa Relatora da ONU para a denuncia deste tipo de procesos represivos”, segundo indican fontes presentes nesa cita.

O encontro, que decorreu nun “bo clima”, segundo unha das persoas encausadas, valorou tamén a posta en andamento de diferentes iniciativas de denuncia polas diversas comarcas deste proceso xudicial, desde palestras a outras accións. Tamén se avalía a posibilidade de facer algún acto conxunto cos CDR cataláns por mor da "concomitancia entre ambos procesos represivos".

Outro dos acordos atinxidos foi o de realización dunha manifestación nacional o vindeiro 16 de febreiro, domingo, en Compostela. Unha mobilización ampla e plural de denuncia desta causa, que colle o testemuño das realizadas no seu día a raíz da primeira Operación Jaro.

Nas vindeiras semanas haberá novas reunións, para ir concretando e avanzando nos acodos acadados.