Desarticulado un laboratorio de cocaína nunha vivenda de Cerdedo-Cotobade

As instalacións intervidas nunha vivenda de Cerdedo-Cotobade. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Un operativo que decorre nestes momentos en diferentes puntos do Estado español sáldase con 18 detencións.

Unha operación antidroga da Policía Nacional baixo a dirección da Audiencia Nacional saldouse con 18 detidos por participar nunha organización composta por cidadáns mexicanos e colombianos que presuntamente controlaban un laboratorio de cocaína situado nunha casa do municipio de Cerdedo-Cotobade, confirmaron fontes policiais á axencia Europa Press.

A operación desenvólvese desde esta terza feira paralelamente na Galiza, Madrid, Bilbao e As Palmas de Gran Canaria, contando para iso con axentes da Brigada Central de Estupefacientes baixo a coordinación do Xulgado Central de instrución número 2 da AN.

Cerdedo-Cotobade foi un dos concellos nos que se despregaron os especialistas na loita contra o narcotráfico para desmantelar un laboratorio para o procesado a grande escala de cocaína no marco dunha investigación que foi declarada secreta. Este laboratorio atopábase nun alpendre anexo a unha casa da parroquia de Sacos, onde, supostamente, chegaba a pasta de cocaína para o seu tratamento e preparación de cara á súa saída cara ao mercado.

A vivenda está nun punto afastado do núcleo desta parroquia, que conta cuns 500 veciños e veciñas. Nos exteriores da casa e na leira podían verse na mañá desta cuarta feira sacos de produtos químicos e decenas colectores plásticos que, presumibelmente, eran empregados para o tratamento das substancias no interior do alpendre, que conta cunha instalación de tubaxes para a extración de aire.

Materiais incautados nesta vivenda da parroquia de Sacos. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

Vaga de detencións

O operativo continúa aberto esta cuarta feira e segue aínda baixo segredo. Alén de en Cerdedo-Cotabade, tamén se produciron outras detencións en distintos puntos da Galiza. A investigación está dirixida desde Madrid, desde onde chegaron ao país nesta terza feira membros de corpos especializados da Policía Nacional baixo a coordinación da Udyco.

Unha semana após o 'narcosubmarino'

Este grande operativo prodúcese unha semana despois do achado dun 'narcosubmarino' na ría de Arousa con capacidade para transportar até cinco toneladas de cocaína mais que se atopaba baleiro no momento da inspección. O semisomerxíbel localizado nun polígono bateeiro de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, é de semellantes características ao afundido con varias toneladas de cocaína a bordo en novembro de 2019 en Aldán (Cangas).

Os investigadores barallan como principal hipótese que o artefacto, de fabricación caseira, estea vinculado coa actividade do narcotráfico e, en concreto, coas 'narcolanchas' que apareceron varadas hai unhas semanas nas costas de Ribeira.