Nove detidos nun novo operativo 'antidroga' con 15 rexistros na Galiza

Unha das vivendas rexistradas en Vilagarcía. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Rexistráronse diferentes vivendas en Tui, Ponteareas, O Porriño, Vigo, Vilagarcía, Vilanova e Lugo.

Axentes do Equipo contra o Crime Organizado (ECO) da Garda Civil, baixo a dirección da Audiencia Nacional, están a desenvolver desde primeira hora desta cuarta feira un operativo contra o tráfico de drogas e o branqueo de capitais en distintos puntos da Galiza.

Trátase dunha operación contra unha organización criminal asentada no país que deixa, até o momento, un balance de nove persoas detidas e 15 rexistros nas localidades de Tui, Ponteareas, O Porriño, Vigo, Vilagarcía, Vilanova e Lugo.

As dilixencias de actuación foron declaradas secretas polo Xulgado Central número 6 da Audiencia Nacional, segundo precisan fontes próximas á investigación citadas pola axencia Europa Press. No caso de Vilagarcía de Arousa, os axentes inspeccionaron durante varias horas esta mañá unha vivenda na parroquia de Rubiáns, onde recolleron evidencias tanto na casa como na finca, en presenza de polo menos dous detidos.

Os coches da Benemérita tamén revisaron unha área de monte próxima. Así mesmo, o helicóptero da Garda Civil sobrevoou a baixa altura distintos puntos de Arousa desde primeira hora, chegando mesmo até o centro de Vilagarcía.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a operación contra o tráfico de drogas que se está a realizar na mañá desta cuarta feira na Galiza decorre, ao mesmo tempo, en diferentes puntos do Estado español. "A medida que se vaian producindo novidades, iremos informando desde a Delegación de Goberno, de forma pronta e rápida, como sempre", detallou.

A finais do pasado marzo outra macro-operación policial acabou co desmantelamento dun laboratorio de cocaína situado nunha vivenda do municipio de Cerdedo-Cotobade. O operativo saldouse con 18 detencións a nivel estatal.

A maiores, só uns días antes emerxera na ría de Arousa un 'narcosubmarino', o segundo após o de Aldán (Cangas) en 2019, que estaría relacionado con outras dúas 'planeadoras' que apareceron varadas na costa do Barbanza en febreiro.