Consulta aquí os documentos

A ONU apercibe España e Tungsten San Finx polas "denuncias abusivas" e "represalias" contra Ecoloxistas en Acción

Activistas de Ecoloxistas en Acción levaron o pasado setembro mostras de auga contaminada de San Finx e Touro á sede da Cámara Mineira a modo de protesta. (Foto: Nós Diario)
"Sen prexulgar de antemán a veracidade dos feitos alegados, expresamos a nosa preocupación ante a causa aberta contra Ecoloxistas en Acción, que tememos que estea baseada nunha denuncia abusiva, iniciada en represalia polo seu activismo pacífico contra danos ambientais resultando da mina San Finx", sinalan desde a oficina de dereitos humanos de Nacións Unidas, nunha misiva á que tivo acceso 'Nós Diario'.

A ONU vén de facer público o oficio realizado pola irlandesa Mary Lawlor, Relatora Especial sobre a situación dos defensores dos dereitos humanos, e dirixido tanto ao Goberno de España como á empresa Tungsten San Finx SL —ao que tivo acceso Nós Diario—, propietaria da mina situada no concello de Lousame, a escasa distancia da ría de Muros e Noia e que segue a ser albo de numerosas críticas por mor das súas verteduras. A misiva é parte da investigación aberta pola ONU logo de que a empresa mineira denunciase "falsamente" Ecoloxistas en Acción —aseguran desde este colectivo— ante os Xulgados de Noia tras unha acción de protesta contra as citadas verteduras. Unhas verteduras polas que, precisamente, a empresa mineira vén de ser sancionada pola Administración galega, cunha multa de 180.000 euros.

Nos oficios, asinados conxuntamente polo xurista e presidente do Grupo de Traballo da ONU sobre Empresas e Dereitos Humanos, Damilola S. Olawuyi, e polo avogado e Relator Especial da ONU sobre dereitos humanos e medio ambiente, David R. Boyd, os representantes da ONU expresan a súa "preocupación ante a causa aberta contra Ecoloxistas en Acción, que tememos que estea basada nunha denuncia abusiva, iniciada en represalia polo seu activismo pacífico contra os danos ambientais resultantes da mina San Finx".

O oficio refire que a preocupación vese amplificada por "anteriores acusacións infundadas que se terían interposto pola empresa contra Ecoloxistas en Acción e outras organizacións en presunta represalia polo seu traballo pacífico en defensa do ambiente", en referencia a outras "denuncias falsas", afirman desde a entidade, presentadas pola mesma empresa e que tamén foron arquivadas pola xustiza. Con todo, Tungsten San Finx, censuran, "negouse a responder ás cuestións formuladas pola ONU", que reclamaba información sobre as medidas adoptadas pola empresa para cumprir coa lexislación ambiental, sobre os impactos causados polas operacións mineiras e sobre as medidas da empresa para garantir a eliminación dos residuos mineiros.

Logo do arquivo da denuncia de Tungsten por parte do Xulgado de Noia, a investigación da ONU vén de ampliarse a unha nova acción penal, desta vez da Cámara Oficial Mineira da Galiza, tamén contra membros de Ecoloxistas en Acción. Activistas desta organización ecoloxista entregaron o pasado mes de setembro na sede do organismo mineiro varias mostras de auga contaminada procedente das minas de San Finx e Touro. A Cámara Mineira atribúelles, por isto, un delito de "coaccións e asalto violento".

Coa entrega das botellas as ecoloxistas saían ao paso das declaracións públicas da Cámara Mineira nas que se afirmaba que "nunca houbo problemas coa calidade das augas" en San Finx. Afirmacións feitas polo organismo mineiro a pesar de que as analíticas, realizadas por Augas da Galiza o pasado agosto, revelaban niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, 78 veces por riba do nivel máximo que permite a lexislación.

Esas mesmas analíticas levaron á apertura dun procedemento sancionador, incoado por Augas da Galiza, contra a empresa concesionaria da mina. Se ben a acción non demorou máis de tres minutos e foi "totalmente pacífica", apuntan desde Ecoloxistas en Acción, desde a Cámara Mineira cualificárona como un "asalto violento", mesmo chegando a afirmar "que se forzara ás administrativas a beber auga contaminada".

"A denuncia é o caso máis recente e disparatado dunha campaña continua e sistemática de acoso xudicial por parte do lobby, utilizando acusacións falsas e infundadas na procura de intimidar e silenciar ás organizacións que veñen denunciando as ilegalidades mineiras", salientan as activistas. Desde Ecoloxistas en Acción relacionan esta denuncia coa recente vitoria xudicial que obrigou a paralizar a mina da Penouta, "unha mina propiedade da empresa para a que traballa actualmente o presidente da Cámara Mineira", subliñan.

Resposta do Goberno español á ONU