Medio Ambiente

Oenegués acusan a Comisión Europea de difundir "información enganosa" sobre o lobo

Os ataques de lobos ao gando "están relacionados coa falta dunha supervisión axeitada e de protección física", afirman. (Foto: Europa Press)
"A afirmación de que é un perigo para o gando e potencialmente para os humanos non se basea na ciencia", aseguran diferentes colectivos nunha misiva remitida á institución comunitaria.

A Comisión Europea mostrábase recentemente aberta a "revisar" as vixentes medidas de protección do lobo por mor do "perigo real" que esta especie supón para o gando e o "risco potencial" para humanos en determinados territorios. Diferentes institucións, como a propia Xunta da Galiza, acolleron o anuncio con satisfacción, se ben varios biólogos e activistas do ecoloxismo advertían a pasada semana en Nós Diario de que esta revisión non afectaría o territorio galego.

E non só na Galiza, senón tamén noutros puntos da xeografía europea causaron estupor as intencións de Bruxelas, motivo polo que esta segunda feira diversas plataformas e ONG ecoloxistas como WWF, EuroNatur, BirdLife ou Client Earth dirixíronse por carta á Comisión para censurar a difusión de "información enganosa" sobre o lobo na UE, unha especie para a que piden manter o status de protección do que goza na actualidade.

"A afirmación de que a concentración de mandas de lobos tornou nun perigo para o gando e potencialmente para os humanos non se basea na ciencia", advertiron, facendo especial fincapé en que as evidencias científicas demostraron que os lobos "non ven os humanos como presas".

"Os encontros fatais son excepcionais, a diferenza dunha serie de ameazas reais e significativas para a vida humana, como eventos climáticos extremos, accidentes automobilísticos e contaminación", precisaron as ONG asinantes da misiva.

No que atinxe aos ataques dos lobos ao gando, subliñaron que están a miúdo relacionados "coa falta dunha supervisión axeitada e de protección física". Neste senso, suxeriron unha serie de "boas prácticas" como o adestramento de cans para protexer os rabaños, a educación dos pastores, ferramentas e solucións técnicas para disuadir os lobos.