Onde van os burros o 1 de abril?

Onde van os burros o 1 de abril? (Foto: Dieter Hawlan)

A Galiza celebra o primeiro día de abril unha tradición con ánimo de diversión.

Se no día de hoxe fuches albo de brincadeiras, artimañas ou enganos, o refraneiro galego ten o por que.

E é que “o 1 de abril van os burros onde non deben ir”. Este refrán galego indica claramente que este día, ao igual que noutros Estados do mundo, é para xogar aos enganos e facer bromas, tamén na Galiza.

Máis de 20 países do mundo conmemoran o 1 de abril con brincadeiras, un costume que o Estado español e boa parte de América Latina reservan para o 28 de decembro, día dos Inocentes.

Galiza, Portugal, Reino Unido, Francia ou Alemaña concentran nesta xornada todo o enxeño para facer bromas e rir a conta de penas argucias que, dependendo dos casos, poden ser máis absurdas ou maliciosas. Con todo, estes enganos teñen máis intención de divertimento que de maldade.

No mundo

No Reino Unido e nos Estados Unidos é o April Fools’ Day; en Francia, Poisson d’avril; e en Italia, Pesce d’aprile. Na illa balear de Menorca tamén teñen nome para esta xornada: o Dia d’enganar, debido á influlencia británica que sufriu durante boa parte do século XVIII.

Canadá, Croacia, Eslovaquia, Finlandia, Bélxica, Valonia, Xapón, Os Países Baixos, Flandes, Dinamarca, Portugal, Brasil, Porto Rico, Australia, Romanía e Suecia son outros dos países onde se conmemora o 1 de abril como día das brincadeiras

Pola contra, Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, Filipinas, Guatemala, México, Panamá, Paraguai, Perú, Uruguai e Venezuela conmemoran o día das brincadeiras o día 28 de decembro.

De onde vén esta tradición?

A orixe deste día non está exenta de controversia. A versión máis aceptada ten que ver coa Francia do século XVI. Daquela, o ano novo era festexado o 25 de marzo, coincidindo co comezo da primavera. As festas duraban unha semana e remataban o 1 de abril.

Despois da adopción do calendario gregoriano, o rei Carlos IX de Francia determinou que o ano novo sería conmemorado o día 1 de xaneiro. Non obstante, algúns franceses e francesas resistíronse á mudanza e continuaron a guiarse polo calendario antigo, polo que foron ridiculizados, sendo convidados a festas inexistentes.