Onde vai a recadación do repago farmacéutico?

Farmacia
A deputada nacionalista Ana Luísa Bouza presentou dúas proposicións non de Lei nas que se lle pregunta ao goberno galego que fai cos cartos que ingresaron @s pensionistas polos fármacos. A voceira de sanidade do BNG desconfía de que vaian parar a campañas de publicidade.

O BNG presentou no Parlamento galego, da man de Ana Luísa Bouza, voceira nacionalista de Sanidade, dúas proposicións non de Lei relativas ao impacto nos ingresos d@s pensionistas polo repago farmacéutico. “Núñez Feijoo debe explicar o destino do recadado e confirmar que non será empregado para cumprir o déficit ou en campañas de publicidade”, asegurou ao tempo que sinalaba que coincidira cunha “campaña publicitaria” para animar ás persoas doentes a racionalizar o gasto en fármacos. A deputada sinalou que era "moita coincidencia" e aproveitou para sinalar que non compartía a culpabilización das propias persoas enfermas ás que se lles está obrigando a pagar máis polos fármacos.

Bouza: "Núñez Feijoo deber explicar o destino do recadado"

Bouza tamén criticou o "talante antidemocrático" que amosou o PP ao facer público os resultados do primeiro mes de repago antes de seren publicados. Para a nacionalista estes datos non representa un aforro no gasto farmacéutico "porque non diminuíu de maneira considerábel o número de envases, a cantidade de fármacos nin o prezo dos mesmos, o que realmente se produce é unha transferencia de gasto farmacéutico aos particulares”.