Ecoloxistas demandan que se aclare que foi das 90.000 toneladas de refugallos do Prestige

Refugallos do Prestige
ADEGA denuncia que dez anos despois da catástrofe do Prestige aínda quedan dez mil toneladas dos seus refugallos sen tratar e non se sabe onde foron os restos do traballado pola empresa SOGARISA

 

Dez anos despois da maior catástrofe ecolóxica da costa galega un dos temas que máis preocupa é a situación das máis de 90 mil toneladas de refugallos que se recuperaron do petroleiro. Aínda temos na memoria aqueles grandes contedores con chapapote moi contaminante e a promesa de que sería tratado e eliminado nun breve espazo de tempo.

A empresa encargada deste traballo foi a Sociedad Gallega de Residuos Industriales S.A. (SOGARISA). Polas diferentes informacións ás que tivo acceso ADEGA a distribución deses refugallos estivo entre as 60 mil toneladas que levou esta empresa, 20 mil que foron a parar a Cerceda e outras 10 mil que se espallou por outros municipios. A organización ecoloxista alertou que polo menos dez mil destes refugallos perigosos están sen tratar e “a escusa non pode ser a económica”.

A ilegalidade do almacenamento

ADEGA apunta a unha posíbel ilegalidade do almacenamento de refugallos perigosos por tanto tempo. Segundo a lei de residuos e solos contaminados publicada en xullo de 2001 "a duración máxima de almacenamento será de seis meses". A propia norma indica que a única razón que pode modificar este prazo é cando existan "causas debidamente xustificadas e sempre que se garanta a protección da saúde humana e o medio ambiente". Para ADEGA estas razóns non existen e a propia empresa que realiza estes traballos, neste caso SOGARISA, non debería aceptar refugallos se non pode tratalos. A organización ecoloxista considera que "unha vez aceptados, mesmo se non hai quen pague, estaría obrigada a tratalos".

ADEGA pensa que SOGARISA non debería aceptar refugallos se non pode tratalos, "unha vez aceptados, mesmo se non hai quen pague, estaría obrigada a traballalos"

Informes contraditorios

Despois de analizar polo miúdo as informacións que facilitou a propia empresa que trata os refugallos, ADEGA sostén que sobre a táboa de resultados do tratamento hai contradiccións. "Sobre as cantidades iniciais de cada un dos materiais temos que só se valorizaron o 7,5% do fuel e o 10,2% dos plásticos, onde foron o resto?", preguntan desde a organización ecoloxista galega.

Desde ADEGA desconfían que "quizais os lodos conteñan maiormente os hidrocarburos e os voluminosos mesturas de plásticos e hidrocarburos, xunto con outros residuos". Tamén descubriron que as cantidades que se reciclaron son moi inferiores, un 9,1% segundo SOGARISA, "como para cobrar 24 millóns de euros e tardar dez anos!".

Cronoloxía

2002: Afunde o Prestige e chega a marea negra ás costas galegas.

2005: SOGARISA asegura que hai 80 mil toneladas de refugallos aínda sen tratar. O custo desta operación: 24,5 millóns de €.

2006: Inicio do tratamento das primeiras 20 mil toneladas que hai en Cerceda. En novembro SOGARISA aínda ten sen tratar 60 mil toneladas.

2007: A Xunta anuncia que por "causas políticas e administrativas" o resto dos refugallos en SOGARISA trataranse a partir de xullo. Remata o tratamento das 20 mil toneladas de Cerceda.

2008: En abril SOGARISA anuncia que lle quedan 30 mil toneladas por tratar.
En novembro SOGARISA anuncia que lle faltan unhas 16 mil toneladas por procesar. Nun video orporativo de Ferrovial (que participa con capital en SOGARISA) informa que SOGARISA ten capacidade pra procesar unhas 20 toneladas ao día. A ese ritmo rematarían en outubro de 2015.

2009: ADEGA denuncia que aínda fallan por tratar unhas 10 mil toneladas de refugallos do Prestige nas Somozas. A administración dí que faltan fondos e que SOGARISA pode tratar unhas 20 toneladas por hora.

2011: En novembro a Xunta recoñece que aínda hai unhas 10 mil toneladas sen tratar nas Somozas.

2012: Hoxe, segundo denuncia ADEGA, seguen sen tratar esas 10 mil toneladas en balsas de SOGARISA nas Somozas.

(Fonte: ADEGA)