Xustiza

Once anos de prisión para un home por abusar sexualmente, agredir e obrigar a mendigar á súa filla

Xulgados de Santiago. (Foto: Europa Press)
Tanto o pai como a nai, tamén condenada, trasladaban habitualmente en coche polas mañás desde o domicilio familiar a Santiago de Compostela e deixábana ás portas de distintos supermercados. Se o diñeiro recadado non o consideraban suficiente, golpeábana.

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a 11 anos e tres meses de cárcere a un pai por abusar sexualmente de forma continuada da súa filla maior, obrigala a mendigar e agredila con frecuencia, tanto a ela como á súa irmá. Aliás, o tribunal condenou a súa esposa, nai das menores, a dous anos e nove meses de cárcere como coautora dos delitos de violencia habitual cometido no domicilio das vítimas e de utilización de menor de idade para a mendicidade.

A sentenza recolle, ademais, a prohibición —ao acusado— de aproximarse e comunicarse coa afectada durante 17 anos, e, coa súa irmá, durante catro anos. A nai tampouco poderá achegarse nin comunicarse coas súas fillas durante catro anos.

Os maxistrados consideran probado que, en 2017, cando a vítima tiña 17 anos e deixou de cursar Secundaria por exceder a idade límite da súa obrigatoriedade, forzábana "a mendigar", para o que "a trasladaban habitualmente en coche polas mañás desde o domicilio familiar a Santiago de Compostela e deixábana ás portas de distintos supermercados".

Pola noite, segundo a sentenza, recollíana e ela entregáballes o diñeiro obtido. A situación, segundo a sala, prolongouse até a súa maioría de idade. No fallo os maxistrados afirman que, desde a infancia das súas fillas, ambos os condenados, no domicilio familiar, "propinaban con frecuencia a ambas, e en especial á maior, golpes consistentes en labazadas, tiróns de pelo ou empurróns, chegando a súa nai a golpealas cunha escoba ou cunha zapatilla, e o seu pai, co cinto".

Até que a filla maior deixou a familia

Estas agresións, segundo a Audiencia, "producíronse en moitas ocasións", até que a filla maior deixou de vivir coa familia. Tamén afirma que tiñan como motivos ou pretextos, entre outros, "o modo en que desenvolvía as tarefas domésticas que lle ordenaban ou o pouco diñeiro que lles entregaba tras mendigar".

Cando a vítima era menor de idade, o seu pai, segundo os xuíces, "díxolle de forma insistente e repetida que quería manter relacións sexuais con ela". Na resolución aseguran que a menor, "sen querer nin ser en absoluto a súa vontade ter tales relacións, someteuse días despois ás exixencias do seu pai por mor da influencia que este exercía sobre ela, e mantivo en repetidas ocasións, durante os meses de xuño e xullo, relacións sexuais co acusado".

O tribunal subliña que a súa vontade viuse "dobregada, anulada, polo feito de ser o seu pai quen a requiría sexualmente, polo peso dos factores psicolóxicos propios de tal relación e do poder que aquel exercía na familia e respecto da súa filla". Estes factores determinaron que a vítima "non fose capaz de facer valer a súa vontade e cedese, ante a insistencia do seu pai, en realizar uns actos que ela non desexaba en absoluto".

En relación co delito de malos tratos intrafamiliar, a sala destaca a fiabilidade das declaracións da vítima e da súa irmá, as cales cualifica de "claras e consistentes ao longo do proceso". Ao mesmo tempo, manifesta que "non se advirte, como hipótese convincente, que actuasen movidas por un ánimo de prexudicar con imputacións infundadas". A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.