A OMS confirma unha variante que combina ómicron e delta

Unha muller recibe a terceira dose nunha residencia de maiores (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
Polo de agora non hai evidencias de que sexa "máis grave" que estas dúas variantes por separado. Con todo, a OMS lembra que a pandemia "aínda non rematou", e que non rematará en ningures "até que non remate en todo o planeta", ao tempo que pon o foco nas dificultades para distribuír vacinas.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) non observou, polo de agora, que a variante da Covid-19 que combina ómicron e delta sexa máis grave que estas dúas por separado. "Temos coñecemento desta recombinación. É unha combinación de delta AI.4 e ómicron BA.1. Detectouse en Francia, Países Baixos e Dinamarca, pero a niveis moi baixos", informou esta cuarta feira a doutora Maria Van Kerkhove, epidemióloga líder da OMS, en rolda de prensa desde Xenebra (Suíza).

A experta recoñeceu que "esta recombinación era de esperar"; con todo, aclarou que até o momento non se detectou "ningún cambio na epidemioloxía nin na gravidade". "Mais xa hai moitos estudos en marcha", apostilou.

Un estudo publicado esta semana polo Instituto Pasteur (Francia) atopou as primeiras probas sólidas da existencia desta variante recombinante, que foi identificada en varias rexións de Francia e estivo circulando desde principios de xaneiro de 2022. En particular, tamén se identificaron xenomas virais cun perfil similar en Dinamarca e Países Baixos.

Até o de agora a OMS dixera que 'Deltacron', o termo coloquial co que se coñecía popularmente esta variante, era o resultado dunha contaminación durante o proceso de secuenciación. "O que cremos é que é o resultado dunha contaminación que ocorreu durante o proceso de secuenciación. Dito isto, unha persoa pode infectarse con diferentes cepas de SARS-CoV-2. O que poida facer para minimizar a súa exposición tanto a este coronavirus como á gripe, beneficiaralle", sinalara entón Van Kerkhove.

A OMS salienta que a pandemia "está lonxe de rematar"

Á marxe desta nova variante, o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, mostrou a súa preocupación porque "varios países están a reducir drasticamente as probas" diagnósticas sobre a Covid-19. "Isto inhibe nosa capacidade para ver onde está o virus, como se está propagando e evolucionando. As probas seguen a ser unha ferramenta vital na nosa loita contra a pandemia, como parte dunha estratexia integral", insistiu.

A respecto desta cuestión, advertiu de que "moitos países de Asia e o Pacífico enfróntanse a un aumento de casos e mortes por Covid-19". "O virus segue evolucionando e seguimos enfrontándonos a grandes obstáculos para distribuír vacinas, probas e tratamentos en todos os lugares onde se necesitan", apuntou.

Por outra parte, Tedros lembrou que esta sexta feira, 11 de marzo, cúmprense dous anos desde que se declarou a pandemia. "Dous anos despois, máis de seis millóns de persoas morreron. Aínda que os casos de Covid-19 notificados e as mortes están a diminuír en todo o mundo, e varios países levantaron as restricións, a pandemia está lonxe de rematar, e non rematará en ningures até que remate en todas partes", concluíu.