A OMS alerta dun ascenso da mortalidade polo descoido na atención a outras doenzas

A comunidade experta advirte dun aumento de 10% na mortalidade entre as doentes con cancro de mama e de 15% con cancro colorreital. (Foto: Xunta da Galiza).
O colectivo de pacientes galegos referenda o temor expresado pola OMS e expresan a súa preocupación polo esquecemento dos doentes crónicos ou con enfemidades curábeis que ante a falta de atención sanitaria ven empeorar a súa calidade de vida. A Covid fixo aumentar os tempos de espera no primeiro semestre do ano e ampliou o desleixo na atención a pacientes sen coronavirus, o que suporá un aumento da mortalidade, afirman.

"O confinamento esmagou o virus, pero tamén a xente", avisou o director para Europa da Organización Mundial da Saúde, quen alertou das consecuencias do coronavirus e das restricións implantadas para tratar de frear o seu avance na saúde das persoas máis aló da Covid-19.

O médico belga Hans Kluge participou esta semana na Cátedra de Cronicidade da Universidade de Santiago de Compostela, unha cita online que aproveitou para incidir nos efectos da pandemia na detección e tratamento doutras enfermidades distintas á Covid-19 coas que a poboación seguiu lidando en peores condicións.

Segundo resaltou, este "dano colateral inaceptábel" suxire un aumento potencial da mortalidade entre pacientes con enfermidades crónicas ou doenzas curábeis que ben non se diagnosticaron a tempo ben no recibiron a vixilancia e os coidados necesarios ao seu debido tempo.

No primeiro semestre de 2020 a demora para unha intervención cirúrxica ou de 54 a 101 días

"Nos próximos anos, moitos países rexistrarán un aumento de 10% na mortalidade do cancro de mama e de 15% no cancro colorreital", salientou, como consecuencia directa do adiamento de citas e probas de detección. Mais tamén como resultado dos "cambios en condutas normais e sas" derivadas das medidas de restrición e do seu impacto socioeconómico.

Por este motivo, Kluge realizou un chamamento para que non se abandonen a prevención e xestión das enfermidades crónicas. "Necesitamos sistemas sanitarios sólidos, baseados na Atención Primaria, que permitan mellorar a saúde das persoas", concluíu.

Listas de espera

Desde Galiza, a sensación e a experiencia do colectivo de pacientes referenda o temor expresado pola OMS. "Estamos ante unha situación moi grave que afecta a pacientes de cancro e a doentes con outras enfermidades crónicas ou curábeis", sinala Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

"O Ministerio de Sanidade vén de actualizar os datos referidos ás listas de espera que a Xunta da Galiza segue sen publicar malia a obriga de ofrecer eses datos. No primeiro semestre de 2020 a demora para unha intervención cirúrxica ou de 54 a 101 días, o tempo de agarda para unha consulta especializada aumentou de 42 a 66 días. A situación deteriorouse dunha maneira moi evidente", salienta Abraldes.

Outro dato relevante, apunta, é o incremento de pacientes á espera dunha cirurxía cunha espera de entre 6 e 12 meses. "De 314 a finais de 2019 pasamos a máis de 3.500 persoas en xuño de 2020". Así, advirte de prazos de demora moi superiores aos estabelecidos por lei. "Aquí hai unha normativa específica que fixa o tempo máximo de espera para unha cirurxía en pacientes de cancro de 45 días".

Non houbo plan de choque nin orzamentos adicionais por parte de Sanidade. Limitáronse a reprogramar as citas

Fernando Abraldes asegura que o coronavirus está deixando moitas máis vítimas das que se computan, porque "non morren pola Covid-19". "Na nosa asociación temos doentes que se viron discriminados por non seren considerados de risco malia ser enfermos de cancro" e coma eles, incide, outras moitas persoas que viron empeorar a súa calidade de vida por falta de atención e anticipación. "Cómpre maior transparencia nas estatísticas para coñecer a incidencia real do coronavirus en todas as súas dimensións". 

"Quen aguanta, ben, en quen non, asume as consecuencias"

"Aquí todo o mundo, sen excepcións, se viu sometido a unha revisión dos prazos de atención, mesmo aqueles doentes aos que o sistema tratou de dar prioridade", asegura o presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. "Moitas persoas con cancro viron reprogramadas as súas citas de radio ou quimioterapia", unha delonga nos coidados á que hai que engadir a parálise dos diagnósticos. "Non houbo plan de choque nin orzamentos adicionais por parte de Sanidade. Limitáronse a reprogramar. Quen aguanta, ben, e quen non, pois asume as consecuencias", di Abraldes.