O consumo de cigarros electrónicos a idades temperás, un problema cada vez máis real

A OMS advirte dos riscos que teñen os cigarros electrónicos para a saúde (Foto: Nós Diario)
A OMS alerta dos grandes riscos que as sociedades corren ao permitiren un uso estendido deste tipo de cigarros na xente máis nova.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) lanzou esta quinta feira un comunicado no que alerta de que as crianzas de 13 a 15 anos utilizan cigarros electrónicos en maior proporción que os adultos en moitos países. Pide con urxencia medidas para protexer a rapazada e as persoas non fumadoras, e minimizar os seus danos na saúde da poboación.

Os cigarros electrónicos foron permitidos no mercado aberto e comercializados "agresivamente" entre os mozos, sinala. Na actualidade, 34 países prohiben a venda de cigarros electrónicos, mentres que 88 países non teñen unha idade mínima a partir da cal se poden mercar e 74 países non contan con regulacións para estes produtos nocivos.

O certo é que estes produtos diríxense ás xeracións máis novas principalmente a través das redes sociais e personalidades influentes. "Os nenos están a ser recrutados e atrapados a unha idade temperá para usar cigarros electrónicos e poden quedar adictos á nicotina. Insto os países a implementar medidas estritas para evitar o seu consumo e protexer os seus cidadáns, especialmente os seus nenos e novos", afirmou o doutor Tedros Adhanom Ghebreyesus, Director Xeneral da OMS.

Estes produtos conteñen nicotina e son altamente aditivos e prexudiciais para a saúde. Aínda que non se comprenden completamente os efectos a longo prazo, estabeleceuse que xeran substancias tóxicas, algunhas das cales causan cancro e outras que aumentan o risco de trastornos cardíacos e pulmonares. O uso de cigarros electrónicos tamén pode afectar o desenvolvemento do cerebro e provocar trastornos da aprendizaxe nas crianzas.

A OMS afirma que "a industria tabacaleira financia e promove probas falsas para argumentar que estes produtos reducen o dano, mentres ao mesmo tempo promociona fortemente estes produtos entre nenos e non fumadores e continúa vendendo miles de millóns de cigarros". Ademais, advirte de que non se demostrou que estes cigarros electrónicos sexan eficaces para deixar o consumo de tabaco, en cambio, "xurdiron probas alarmantes sobre os efectos adversos para a saúde da poboación". Ao seu xuízo, a industria do tabaco benefíciase "da destrución da saúde".

Pide medidas urxentes para previr o consumo de cigarros electrónicos e contrarrestar a adicción á nicotina, xunto cun enfoque integral para a regulación do tabaco. As estratexias para deixar de fumar deben basearse na mellor evidencia dispoñíbel sobre eficacia, xunto con outras medidas de control do tabaco e suxeitas a seguimento e avaliación. Así, sinala a necesidade de que os países que prohiban a venda destes produtos e continúen a vixilancia para apoiar as intervencións de saúde pública e garantir unha aplicación estrita.

Mentres, aos países que permitan a comercialización de cigarros electrónicos como produtos de consumo, pídelles que garantan regulacións estritas para reducir o seu atractivo e o seu dano para a poboación, incluída a prohibición de todos os sabores, a limitación da concentración e a calidade da nicotina.