Oleiros terá un parque Fidel Castro

Ángel García Seoane. alcalde de Oleiros

Anunciouno Ángel García Seoane nunha entrevista en Radio Coruña. Revelou que o concello xa lle quixo dedicar un espazo público ao líder da Revolución cubana, mais que este non quería receber esta honra en vida.

A urbanización As Galeras esténdese aos pés duns suaves cantís que se debruzan sobre a bahía coruñesa e no seu rueiro están representados heroes da independencia e revolucionarios latino-americanos, de Sucre a Sandino pasando por Bolívar e Emiliano Zapata. Cando se edificou a idea do concello de Oleiros era que entre eses nomes figurase o de Fidel Castro. Mais o líder cubano declinou a oferta, alérxico ao culto á personalidade. “Non se lle puxo unha rúa porque el en vida non quería”, revelou este sábado García Seoane na antena de Radio Coruña.

Agora sería o momento de render o tributo ao dirixente revolucionario. As rúas da urbanización xa teñen todas nomes, así que “estamos vendo o que se pode facer”, dixo García Seoane, para a seguir avanzar que probabelmente Fidel Castro dea nome a un parque aínda por construír.

García Seoane gaba a figura de Fidel Castro como "guerrilleiro", "estadista" e "cooperante"

García Seoane mostrou máis unha vez a súa devoción pola figura do líder cubano, na súa opinión unha figura singular, tal vez “o principal líder do século XX”, a quen se referiu como “guerrilleiro”, “estadista” e “cooperante”.

O alcalde oleirano puxo en destaque o contributo de Fidel Castro á “liberación” de África -a cooperación cubana contra o colonialismo e especificamente a loita contra o réxime racista de Sudáfrica- e tamén a súa achega ao avanzo da esquerda latinoamericana nos últimos anos en América Latina. “Por que gañou Lula? Por que gañou Evo?”, perguntouse. Ao seu xuízo, o xiro progresista do continente -agora abortado polo “golpe” no Brasil- non tería sido posíbel sen a “revolución silenciosa” promovida por Castro, unha revolución que se fixo con “médicos, sanitarios e asesores” internacionalistas diseminados por todo o continente e non con soldados.