Oleiros: Da “guerra” contra os plumachos e contra Trump á “guerra” contra a Xefatura de Educación

Mostra do cartaz luminoso (Imaxe: Profesorado en Pé).

Os carteis informativos de Oleiros van camiño de ser tan recoñecíbeis como o monumento ao Che da rotonda de Santa Cruz. Se nun primeiro momento o obxectivo do Goberno municipal foron os plumachos, Trump ou Raxoi, agora é a Xefatura Territorial de Educación.

- “Gallego, se les empieza a ver el plumero”, di un señor arxentino.

- "Os plumachos, gaucho, os plumachos da Pampa arxentina, menuda peste nos trouxeron", respondía o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.

Así comezaba unha das campañas publicitarias do Concello de Oleiros na súa particular "guerra" contra a Cortaderia selloana, a herba da pampa, coñecida popularmente como "plumacho". Foi naquel momento, en 2017, cando os carteis informativos transmitiron á veciñanza do municipio mensaxes contrarias á invasión da especie por polígonos industriais e marxes de estradas.

Mais non só. García Seoane empregou o mobiliario urbano con mensaxes luminosas anti-Trump para cargar contra as políticas estadounidenses. Tamén contra Mariano Raxoi e a daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, dados os problemas de tráfico que sufría A Pasaxe, e contra Alberto Núñez Feixoo, a quen caracterizaba como San Martiño, cun xabarín ao lado e o lema "San Martiño, onde estás?".

Agora é a Xefatura Territorial de Educación a quen o Concello de Oleiros destina as súas polémicas mensaxes, tal e como pon de manifesto Profesorado en Pé. "A Inspección Educativa vulnera as normas democráticas"; "Non ao cese forzoso da directora do colexio" e "O pobo de Oleiros coa directora do colexio de Canide" son algunhas das mensaxes que lanza o mobiliario urbano en apoio á profesora á que a Consellaría de Educación obrigou a dimitir logo de que un rapaz ficase no autobús escolar durante unha mañá. O monitor encargado do transporte escolar foi despedido.

O Concello apoia así ás demandas das veciñas e veciños, que piden a readmisión da directora cunha campaña de recollida de sinaturas. Tamén o solicita o máximo órgano de representación do profesorado do ensino público, a Xunta de Persoal, que ademais exixe o cese do Xefe Territorial, ao igual que a CIG, sindicato maioritario no sector.