Saúde

Ollo cos ollos: estas son as doenzas oculares que podes contraer por sobreexposición ao sol, a auga salgada e o cloro

Non vale calquera tipo de lentes para exporse ao sol. (Foto: Nós Diario)
As persoas expertas aconsellan como tomar o sol, como bañarse en praias e piscinas ou que tipo de lentes empregar para evitar que os nosos ollos poidan sufrir danos.

Chega agosto e, con el, aumentan as visitas ás praias e piscinas. E ante os potentes raios do sol acostumamos a ficar durante horas, impasíbeis, buscando o bronceado perfecto sen nos preocupar da saúde dos nosos ollos. E non son poucos os problemas oculares que poden derivarse da sobreexposición non só ao sol, senón tamén á auga salgada e o cloro, así como a radiación ultravioleta.

"Aínda que é certo que podemos sufrir unha enfermidade oftalmolóxica en calquera mes do ano, na península ibérica con veráns tan calorosos e cada vez máis longos podemos notar unha maior incidencia de secura ocular, queratite, conxuntivites irritativas —provocadas por unha sobreexposición á auga salgada ou o cloro das piscinas— e problemas relacionados con longas exposicións ao sol na praia ou a montaña", precisa o doutor Daniel Pérez, oftalmólogo do Hospital Universitario de Torrexón.

Os raios de sol conteñen radiacións ultravioletas que, en exposicións visuais moi longas, poden producir unha inflamación na córnea do ollo. "A longo prazo, estas radiacións aumentan a incidencia de cataratas ou de dexeneración macular polo estrés oxidativo que produce sobre o noso ollo", acrecenta o doutor Pérez. Así, alén de limitar a exposición ao sol, o especialista aconsella utilizar lentes de sol homologadas con filtro ultravioleta e, se for posíbel, combinalas cunha gorra ou chapeu.

Desde o servizo de Oftalmoloxía recalcan ademais a importancia de que as lentes sexan homologadas e que teñan un filtro UV, xa que, pola contra, poden afectar negativamente, aínda máis, a nosa vista. "Se se utilizan unhas lentes de sol malas e escuras, farán sombra sobre os nosos ollos, dilatando as pupilas e permitindo que a luz ultravioleta entre máis, producindo danos sobre a córnea, o cristalino e a retina", subliñou.

Neste senso, Daniel Pérez incide na importancia de que, en caso de utilizar lentes de sol, sexan de ópticas e centros especializados e que, aliás, conten coa garantía e seguridade homologada pola Comunidade Europea. Non valen unhas lentes calquera, pois, e é preciso fixarse ben na calidade dos vidros.

Outro factor de risco ten que ver con certos elementos presentes na auga de piscinas ou mares. A auga salgada pode provocar irritación e secura ocular, mentres que o cloro empregado na auga das piscinas pode provocar un desequilibrio na capa protectora da superficie ocular, xerando irritación e facendo que arroxen.

Neste contexto, as persoas expertas recomendan realizar unha revisión oftalmolóxica cada un ou dous anos aínda que non existan patoloxías oculares. E no caso de sufrir algunha patoloxía, será a ou o profesional oftalmólogo quen marque a frecuencia destas revisións.